A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, rubricou hoxe en San Caetano o acordo coa alcaldesa, Sandra Quintas Vázquez
A Xunta asina co concello de Bande a colaboración para a mellora do acceso ao Mercado do Xurés, que suporá un investimento total de 268.000 euros
Con esta obra crearase un novo espazo público na rúa Camiño Campo da Feira e as parcelas adxacentes, renovando e soterrando os servizos urbanos e repoñendo os pavimentos afectados polas obras anteriores
Esta actuación forma parte do Plan Hurbe impulsado pola Xunta, co que se contribúe a promover o desenvolvemento dos núcleos rurais da comunidade
A Xunta, a través do departamento que dirixe M. Allegue, asume o 70% do orzamento, máis de 187.000 euros, contratará e executará as obras
Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2026
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, asinou hoxe coa alcaldesa de Bande, Sandra Quintas Vázquez, o convenio de colaboración para a execución das obras de mellora do acceso ao mercado do Xurés, que suporá un investimento conxunto de 268.050,12 euros. No acto, levado a cabo esta tarde en San Caetano, tamén estiveron o secretario xeral técnico da Consellería, Yago Borrajo, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas.
A través deste convenio, ao abeiro do Plan Hurbe impulsado pola Xunta co fin de axudar ás administracións locais a financiar diferentes tipos de intervencións urbanísticas, trátase de construír un novo espazo público no núcleo urbano do municipio, concretamente na rúa Camiño Campo da Feira, e as parcelas adxacentes.
En concreto intervirase neste acceso, que na actualidade é unha vía sen beirarrúas, sen unha senda peonil clara, polo que o seu ensanche eliminará este problema incorporando unha beirarrúa con acabado en lastro gris e cos accesos a garaxes e leiras necesarios.
O departamento que dirixe M. Allegue da así apoio ao Concello de Bande, que pretende manter a liña de traballo que o caracterizou nos últimos anos, no empeño de dotar aos núcleos do municipio do equipamento mínimo de infraestruturas, logrando o aumento da calidade de vida dos seus habitantes e a mellora das condicións medioambientais dos seus núcleos.
A Xunta, a través desta cooperación achegará o 70% do orzamento das intervencións, con preto de 188.000 euros, e contratará e executará as obras.
O Concello de Bande asumirá o 30% restante do custe das obras, algo máis de 80.000 euros e corresponderalle o mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo baixo este acordo.
Este convenio de colaboración enmárcanse na continuada colaboración entre a Xunta e as entidades locais para a execución de obras e outras actuacións de mellora de contornas urbanas, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.
Ademais, a través de distintas medidas e de liñas de colaboración como o Plan Hurbe, a Xunta contribúe a promover o desenvolvemento dos núcleos rurais da comunidade como motores de dinamización, ao converterse en puntos de localización dun importante número de servizos públicos e privados que permiten achegar o modelo urbano a todo o territorio.