O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP reuniuse coa Xunta Autonómica de Directores para ultimar a planificación lectiva de cara a setembro

O reforzo do profesorado de secundaria e da atención á diversidade, dous dos piares estratéxicos do Goberno galego o próximo curso escolar

Román Rodríguez lembra que, ao abeiro do Acordo de mellora educativa, haberá unha dotación adicional de 900 docentes na etapa de Secundaria e esténdese a baixada de ratios a toda a etapa de Infantil

Asegura que este reforzo da plantilla docente posibilitará “minimizar os efectos negativos que estamos percibindo que a Lomloe está a producir no conxunto do sistema en xeral en España e tamén en Galicia”

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, reuniuse hoxe coa Xunta Autonómica de Directores e Directoras para ultimar a planificación e organización do vindeiro curso escolar. Dous dos piares estratéxicos do curso 2026/27 serán o reforzo do profesorado de Secundaria e da atención á diversidade.

Román Rodríguez interveu ante este órgano consultivo para dar conta da dotación adicional de preto de 900 profesores de Secundaria que se incorporarán ás aulas en setembro en cumprimento do Acordo de mellora educativa entre a Xunta e os sindicatos CCOO, ANPE, UGT e CSIF, que este ano se reforzou con novas medidas como a reconfiguración do horario do profesorado e o reforzo da atención á diversidade.

O obxectivo é, segundo explicou, achegar máis recursos ao sistema para manter o nivel de calidade do ensino galego e “tentar de minimizar os efectos negativos que estamos percibindo que ten a Lomloe no sistema educativo xeral en España e tamén en Galicia”.

Isto, na práctica, plásmase na incorporación de 747 profesores nesta etapa aos que se engaden outros 150 docentes (100 especialistas en Pedagoxía Terapéutica e 50 orientadores)  ao abeiro do Plan de impulso á atención á diversidade para o período 2026-2030.

O titular de Educación do Goberno galego, que estivo acompañado de altos cargos do seu departamento, lembrou que a folla de ruta segue o seu curso, polo que este setembro se materializa a baixa de ratios de 25 a 20 alumnos por aula en toda a etapa de Infantil e esténdese a todo o 2º ciclo de Primaria a mellora dos agrupamentos no rural. Ademais, Galicia é a única comunidade que aplica unha ponderación do alumnado con necesidades educativas especiais, contabilizándoo por dous ou por tres a efectos de ratios dentro da aula.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/07/2026