A Xunta pon en valor o alcance territorial da campaña ‘Merca no teu comercio’ con máis de 58.000 compras rexistradas desde maio

O director xeral de Comercio e Consumo participou hoxe na entrega de premios da acción desenvolvida entre o 1 e o 15 de xullo nos concellos de Ribadavia, Castrelo de Miño, A Arnoia, Cenlle e Leiro

A campaña enmárcase na colaboración do Executivo autonómico coa Federación Galega de Comercio para dinamizar o comercio de proximidade e impulsar as vendas, co foco en municipios rurais e sen centros comerciais abertos

Gabriel Alén subliña a ampla capilaridade desta acción, que se compón de dez campañas quincenais por provincia ata outubro nas que se repartirán un total de 40.000 euros en premios

No caso de Ourense, onde xa se levan rexistrado 11.600 tickets, a vindeira cita de 'Merca no teu comercio' terá lugar do 1 e o 15 de setembro en Castro Caldelas, San Xoán de Río, A Pobra de Trives, Parada de Sil, A Teixeira e Manzaneda

Ribadavia (Ourense), 23 de xullo de 2026

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe na entrega dos premios da sexta campaña Merca no teu comercio da provincia de Ourense, desenvolvida entre o 1 e o 15 de xullo nos concellos de Ribadavia, Castrelo de Miño, A Arnoia, Cenlle e Leiro. A iniciativa enmárcase na colaboración da Xunta coa Federación Galega de Comercio para dinamizar o comercio de proximidade e impulsar as vendas nos establecementos locais.

Como nas restantes campañas quincenais que se están a desenvolver por toda Galicia e que se prolongarán ata o vindeiro mes de outubro, hoxe entregáronse 20 tarxetas regalo de 50 euros cada unha ás persoas gañadoras que rexistraron as súas compras na páxina web www.mercanoteucomercio.com, onde tamén se poden consultar o calendario das próximas campañas e as bases da iniciativa.

Alén subliñou a ampla capilaridade territorial e o impacto de Merca no teu comercio, que nesta edición chegará a un total de 40 localidades galegas, con dez campañas por provincia. Neste sentido, salientou que a iniciativa presta especial atención aos municipios do rural que non contan con centros comerciais abertos, contribuíndo a incentivar o consumo nos negocios de proximidade. Así mesmo, destacou o alcance da campaña, que suma xa máis de 58.000 tíckets rexistrados en toda Galicia, dos cales arredor de 11.600 corresponden á provincia de Ourense. Ao remate desta edición teranse repartido 40.000 euros en premios, distribuídos en 800 tarxetas prepago, 200 por provincia.

O director xeral puxo tamén en valor o papel das persoas consumidoras, que coas súas decisións de compra contribúen a manter vivo un sector estratéxico para Galicia, xerador de emprego, dinamizador da economía local e fundamental para preservar a vitalidade das vilas galegas. Do mesmo xeito, salientou a colaboración coa Federación Galega de Comercio, entidade coa que a Xunta impulsa esta iniciativa e outras accións de dinamización comercial, como Días Azuis, ao abeiro do convenio anual vixente. Na provincia de Ourense, a vindeira cita desenvolverase entre o 1 e o 15 de setembro en Castro Caldelas, San Xoán de Río, A Pobra de Trives, Parada de Sil, A Teixeira e Manzaneda.

Vilas Vivas

A Xunta mantén un firme compromiso co comercio de proximidade a través das actuacións recollidas no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, dotado con 320 M€ e máis de setenta medidas. Neste contexto, destaca o proxecto piloto Vilas Vivas, que se está a desenvolver en Ribadavia a prol da revitalización comercial de vilas senlleiras. Precisamente no marco desta iniciativa acaba de poñerse en marcha o programa Domingos Vivos, que combinará a apertura de novos negocios con sorteos, rutas guiadas e actividades culturais e gastronómicas para incentivar o consumo local e atraer visitantes os primeiros domingos de cada mes.

Data de actualización: 23/07/2026