Galicia exhibe as súas capacidades en seguridade, defensa e aeroespazo no marco dos cursos de verán da Universidade Complutense de Madrid

A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, participou hoxe na xornada Un país aeroespacial

A Xunta amosa o potencial da industria galega neste ámbito e salienta a publicación da licitación da selección de socios estratéxicos para a formalización de acordos de asociación e a convocatoria para tecnoloxías duais, ambas as dúas co prazo aberto ata setembro

San Lorenzo do Escorial (Madrid), 23 de xullo de 2026

A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, destacou hoxe a aposta que está facendo a Xunta de Galicia, a través da Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aeroespazo (Iesda), por impulsar as capacidades industriais de Galicia neste sectores, cun investimento público que ascende a 183 millóns de euros de cara ao 2030 dentro deste programa de investimentos.

Margarita Ardao interveu hoxe no coloquio Cooperación local, autonómica e nacional, no curso de verán da Universidade Complutense de Madrid Un país aeroespacial: o novo impulso tras o éxito do proxecto estratéxico aeroespacial español, onde puxo en valor a experiencia de Galicia neste eido pola evolución que tivo o sector nos últimos dez anos.

Galicia compartiu a súa visión de rexión aeroespacial que destaca polas súas infraestruturas, a presenza dun potente ecosistema de talento emprendedor, a actividade de importantes socios tecnolóxicos, a transferencia de coñecemento, os programas de aceleración de empresas do sector e as ferramentas e mecanismos impulsados desde a Xunta para dotar os servizos galegos de novas solucións de alta tecnoloxía con aplicacións duais, é dicir para o ámbito civil e para o da seguridade.

Na súa intervención, a directora xeral puxo o foco nas dúas grandes convocatorias xa en marcha dentro da Iesda. Por un  lado, a licitación de compra pública precomercial para a selección de novos socios estratéxicos e tecnolóxicos cos que formalizar acordos de asociación para o desenvolvemento de proxectos nestes sectores, dotado cun orzamento de 40 millóns de euros, que prioriza a fabricación no territorio co obxectivo de reforzar a cadea de valor e maximizar o retorno industrial. O prazo de presentación estará aberto ata o próximo 30 de setembro.

Por outra banda, a Xunta mantén aberto ata o 4 de setembro o prazo para a presentación de proxectos da primeira convocatoria de axudas para o desenvolvemento de produtos, servizos e sistemas tecnolóxicos de uso dual destinados aos ámbitos da seguridade, a defensa e o aeroespazo. Este programa conta cun orzamento de 6 millóns de euros, cofinanciado pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.

Estas axudas, convocadas en concorrencia competitiva, están dirixidas a grandes, medianas e pequenas empresas de ámbito industrial que conten con centro de traballo propio en Galicia. A convocatoria outorga prioridade a proxectos promovidos por empresas de sectores estratéxicos e con alto potencial de diversificación como a automoción, a metalmecánica, o naval, a loxística, o téxtil, as tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC), o aeroespacial e a construción.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/07/2026