A Xunta adxudica por 195.000 € a redacción do proxecto e a dirección de obra da reforma da área de reprodución asistida do Hospital Meixoeiro de Vigo
A obra forma parte das actuacións previstas no Plan galego de reprodución humana asistida, que recolle melloras nas prestacións para transformar a carteira de servizos de reprodución asistida de Galicia na máis ampla a nivel estatal
Santiago de Compostela, 25 de xullo de 2026
A Xunta, a través do Servizo Galego de Saúde, publicou, no Portal de Contratos Públicos, a adxudicación, á empresa IGLESIAS VEIGA ARQUITECTOS SLP, dos servizos de redacción do proxecto básico e de execución e dirección de obra, da reforma da área de reprodución asistida no Hospital Meixoeiro en Vigo, por un importe de 195.000 euros.
Esta adxudicación responde á necesidade de dar unha correcta cobertura sanitaria á poboación de referencia da área sur de Galicia, coa reforma da área de reprodución asistida no Hospital Meixoeiro, adaptando os espazos deste centro da rede sanitaria pública galega coa finalidade de desenvolver o Plan galego de reprodución humana asistida.
O Plan galego de reprodución humana asistida recolle un conxunto de melloras nas prestacións actuais e de novas prestacións, que transformarán a carteira de servizos de Galicia na máis ampla a nivel estatal.
A unidade de reprodución humana asistida está situada actualmente no Centro Integral de Saúde Taboada Leal e na súa actividade están directamente implicadas catro especialidades médicas: xinecoloxía e obstetricia, anestesioloxía e reanimación, análises clínicas e uroloxía. O seu traslado ao Hospital Meixoeiro permitirá a introdución de novas técnicas ao contar cunha maior dispoñibilidade de salas.
Situarase nun emprazamento contiguo ao bloque cirúrxico e á unidade de cirurxía maior ambulatoria, para a zona de laboratorio e procedementos, mentres que as consultas situaríanse na segunda planta ala 2, contigua ás consultas externas, que é por onde accederán os pacientes no futuro.