A Xunta salienta en Vigo o papel dos centros comerciais abertos na dinamización do comercio local

O director xeral de Comercio e Consumo e a delegada territorial da Xunta en Vigo asistiron ao desfile de moda organizado polo centro comercial aberto Zona Náutico co apoio do Goberno galego

Alí puxo de relevo o labor que desenvolven estas entidades e destacou o compromiso da Xunta a prol da competitividade do sector través das máis de 70 accións enmarcadas no vixente Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030

Vigo, 24 de xullo de 2026

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, asistiu esta tarde ao desfile de moda organizado polo centro comercial aberto Zona Náutico, unha iniciativa apoiada pola Xunta ao abeiro das axudas destinadas ás campañas de dinamización promovidas por estas entidades. O obxectivo desta actuación foi reforzar a visibilidade do comercio de proximidade, impulsar as vendas e achegar á cidadanía as últimas tendencias en moda e complementos.

A programación da xornada completouse cun mercado que permaneceu aberto desde as 11,00 h. no que participaron distintos establecementos asociados ao centro comercial aberto a través de diferentes postos nos que sacaron á rúa os seus produtos e servizos.

Durante a súa visita, Gabriel Alén puxo de relevo o labor que desenvolven os centros comerciais abertos como ferramenta fundamental para fortalecer o tecido comercial local, dinamizar a actividade económica das vilas e cidades e ofrecer unha experiencia de compra diferenciada e de calidade. Así mesmo, destacou o compromiso da Xunta a prol da competitividade do sector través das máis de 70 accións enmarcadas no vixente Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030.

Data de actualización: 24/07/2026