‘Un alento de vida’ convida á veciñanza de Narón a doar sangue este verán
O municipio coruñés acadou no 2025 un total de 840 doazóns de sangue
Ao redor de 170 concellos recibirán a visita das unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue co obxectivo de obter 400 doazóns diarias no período estival
Narón, 28 de xullo de 2026
O concello de Narón acollerá mañá, mércores 29 de xullo, a campaña de verán Un alento de vida que promove a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), co obxectivo de fomentar a participación cidadá durante o período estival. Unha unidade móbil da Axencia estará estacionada ao carón do centro de saúde, das 09:30 ás 14:30 e das 15:30 ás 21:00 horas para facilitar a doazón de todos os veciños e veciñas de Narón.
Esta iniciativa achegará a doazón a máis de 170 concellos galegos ata finais do vindeiro mes de agosto, tentando garantir a participación dos galegos e galegas nas campañas da ADOS durante o período estival e obter ao redor de 22.000 doazóns de sangue.
A Axencia lembra que todos os días do ano son precisas 400 doazóns para garantir o axeitado abastecemento de compoñentes sanguíneos aos nosos hospitais. Esta cifra se mantén nos meses de verán, un período especialmente sensible por mor da deslocalización dos doantes habituais.
Colaboración fundamental
A campaña Un alento de vida lembra a importancia de procurar unha oportunidade de curación para moitos enfermos que só poden brindarlle os doantes de sangue que, co seu xesto solidario, contribúen ao posibilitar o tratamento de moitos doentes atendidos no noso sistema público de saúde.
As persoas que participen na campaña de verán recibirán un agasallo como unha almofada ou un balón de praia pola súa participación e, nesta ocasión, ao carón da unidade móbil instalarase un espazo que simula unha típica terraza de verán. Os doantes poderán inflar un globo que pasará a formar parte da escenografía e, deste xeito, simbolizar ese aire que supón para moitos doentes recibir unha transfusión de compoñentes sanguíneos.
Esta iniciativa quere chamar a atención sobre a necesidade de doar aínda que sexa verán e desfrutemos de vacacións, lembrando que as unidades móbiles tamén terán unha importante presenza en municipios de costa e eminentemente vacacionais.
Elevada participación
A Axencia quere amosar o seu agradecemento á corporación municipal pola súa implicación e decidido compromiso no desenvolvemento das campañas de doazón de sangue, así como o recoñecemento a todos os veciños e veciñas de Narón que doan sangue. Neste sentido, lembrar que no pasado 2025, este municipio coruñés acadou, con 840 doazóns, unha taxa de 21 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, índice que se atopa por baixo da media de Galicia (39/1.000), polo que o obxectivo de ADOS pasa por incrementar progresivamente á participación da veciñanza.
Desde a Axencia convidan a toda a cidadanía a tomar parte nesta nova campaña de doazón, lembrando que pode doar sangue calquera persoa maior de 18 anos, que pese máis de 50 quilos e non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue.
Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto: 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.