O titular da carteira sanitaria, xunto coa delegada da Xunta, o director xeral de Atención Primaria e Comunitaria e o xerente da área sanitaria, visitou este centro da rede do Sergas
Gómez Caamaño destaca o investimento de máis de 410.000 euros para reforzar a capacidade diagnóstica do Hospital de Barbanza cunha nova sala de radioloxía e novos ecógrafos para urxencias e dermatoloxía
A nova sala de radioloxía, que contou cun investimento de case 250.000 euros, aumenta a precisión diagnóstica, incorpora ferramentas baseadas en intelixencia artificial e dispón de tecnoloxía 3D
Permite realizar ao redor de 2.100 estudos cada ano e compleméntase cun sistema de radioloxía portátil que facilita a atención ás persoas con mobilidade reducida
O servizo de urxencias mellora, igualmente, a súa capacidade diagnóstica coa dotación dun novo ecógrafo portátil, que supuxo un investimento de 29.000 euros
Tamén se incorporou, logo dun investimento de máis de 21.000 euros, un ecógrafo de última xeración para dermatoloxía, servizo que, no pasado ano, realizou preto de 8.200 consultas e máis de 8.400 citas programadas
O conselleiro destaca que este investimento forma parte da estratexia da Xunta por seguir modernizando o equipamento sanitario dos hospitais comarcais
Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe o investimento da Xunta de máis de 410.000 euros, destinado a reforzar a capacidade diagnóstica do Hospital de Barbanza cunha nova sala de radioloxía e novos ecógrafos para urxencias e dermatoloxía.
O titular da carteira sanitaria, xunto coa delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo; o director xeral de Atención Primaria e Comunitaria do Sergas, Salvador Mariño-Ageitos; e o xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza, Ángel Facio, visitou o Hospital Público de Barbanza.
Durante a visita o conselleiro puido coñecer de primeira man o novo equipamento co que se dotou este centro e comprobar como os investimentos da Xunta se transforman en mellores medios para os profesionais e nunha atención máis precisa e de maior calidade para os pacientes.
Tecnoloxía de vangarda
Gómez Caamaño explicou que entre as melloras se atopa a nova sala de radioloxía de alta tecnoloxía, un novo ecógrafo para o servizo de dermatoloxía e un novo ecógrafo portátil para o servizo de urxencias, dotacións que reforzarán a capacidade diagnóstica do hospital e que permiten seguir achegando tecnoloxía de vangarda á sanidade pública.
A nova sala de radioloxía, que contou cun investimento de case 250.000 euros, mellora a calidade da imaxe, aumenta a precisión diagnóstica, reduce a radiación que recibe o paciente e incorpora ferramentas baseadas en intelixencia artificial, ademais de dispoñer de tecnoloxía de imaxe 3D.
Permite realizar ao redor de 2.100 estudos cada ano, o que incrementa a capacidade asistencial, e compleméntase cun equipo de radioloxía portátil que facilita a atención a persoas con mobilidade reducida.
Ese equipo portátil, que contou cun investimento de máis de 111.000 euros, posibilita tamén ao hospital gañar en axilidade e en precisión diagnóstica.
Así mesmo, o servizo de urxencias, grazas a un investimento de 29.000 euros, mellora notablemente a súa capacidade diagnóstica coa dotación dun novo ecógrafo portátil.
O conselleiro explicou que igualmente se incorporou, hai dous meses, logo dun investimento de máis de 21.000 euros, un novo ecógrafo de última xeración para reforzar o servizo de dermatoloxía, que é unha especialidade cunha demanda crecente.
Este ecógrafo permite realizar unha avaliación máis precisa e inmediata das lesións cutáneas e subcutáneas, dispoñendo de técnicas diagnósticas non invasivas directamente na consulta e mellorando a planificación dos tratamentos cunha asistencia máis resolutiva.
Gómez Caamaño puxo en valor a importante actividade do servizo de dermatoloxía que, no pasado ano, realizou preto de 8.200 consultas e máis de 8.400 citas programadas. Así mesmo, levou a cabo 300 intervencións e centos de probas específicas.
Modernización dos hospitais comarcais
O titular de Sanidade explicou que estes máis de 410.000 euros de investimento da Xunta neste hospital da rede do Sergas forma parte da estratexia do Executivo galego por seguir modernizando o equipamento sanitario dos hospitais comarcais co propósito de achegar a sanidade de vangarda a todo o territorio.
Ademais, a Xunta demostra, así mesmo, a aposta por este hospital e por esta comarca, coa recente posta en funcionamento da nova ambulancia de soporte vital avanzando con base neste centro sanitario, que mellora a atención ás urxencias de máis de 75.000 veciños e veciñas.
Ademais a Xunta segue a avanzar no futuro hospital de día oncohematolóxico, que permitirá achegar tratamentos especializados sen que os pacientes teñan que desprazarse a outros hospitais.