O proxecto Xenoma Galicia avanza na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte coa participación de 201 persoas na súa primeira fase

Tras completar o recrutamento nos distritos sanitarios da Mariña e Monforte de Lemos a Xunta continuará tras o verán coa toma de mostras no distrito de Lugo

Esta iniciativa pioneira da Xunta ten por obxectivo detectar variantes de risco para enfermidades hereditarias graves como o cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch ou a hipercolesterolemia familiar

En toda Galicia o programa supera os 4.200 participantes e permitiu identificar 42 persoas con variantes xenéticas de risco

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2026

O proxecto Xenoma Galicia, promovido pola Xunta para a detección precoz de enfermidades hereditarias graves, avanza na área na sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, coa participación de 201 persoas.

O pasado 16 de xuño, a Consellería de Sanidade iniciaba o envío de 1.037 mensaxes de invitación co obxectivo de recrutar a participantes, tanto no distrito de Monforte de Lemos como no da Mariña. Así, durante as axendas fixadas en 4 xornadas laborais en horario de tarde e unha xornada de sábado en horario de mañá, asistiron 201 participantes para a extracción da mostra de sangue que están sendo analizadas.

Una vez se supere o verán, a Xunta ten previsto continuar coa recollida de mostras no distrito de Lugo, para completar o recrutamento no conxunto da área sanitaria.

O proxecto Xenoma Galicia é unha iniciativa pioneira que ten por finalidade a detección de variantes de risco para enfermidades hereditarias graves como o cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch ou a hipercolesterolemia familiar.

Coordinado pola Consellería de Sanidade e dirixido polos investigadores da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, María Brión e Ángel Carracedo, o Proxecto Xenoma Galicia servirá para establecer as bases dun cribado xenético sustentable, equitativo e co que será posible avanzar no eido da medicina personalizada.

Máis de 4.200 participantes e 42 casos positivos

Desde o ano 2024, e tras completar os programas piloto para a toma de mostras de sangue e de saliva, a Xunta iniciou a Fase 1 deste proxecto, na que está prevista acadar a participación de 5.000 persoas en toda Galicia.

Sumando as fases do piloto de sangue e saliva, xunto coas primeiras mostras recollidas desta Fase 1 do proxecto Xenoma Galicia, agora mesmo en marcha, xa se acadou unha participación de 4.261 persoas.

Ata a data, en toda Galicia foron analizadas 2.504 mostras recollidas, que permitiron identificar un total de 42 persoas con variantes xenéticas de risco.

Data de actualización: 29/07/2026