Belén do Campo visita as obras de reparación da cuberta do CEIP Wenceslao Fernández Flórez que contan cun investimento de preto de 48.000 euros

A representante do Goberno autonómico galego destacou o compromiso da Xunta coa mellora continua dos centros educativos públicos, subliñando que “investir na calidade das infraestruturas educativas é investir no benestar do alumnado e do profesorado”

A Coruña, 30 de xullo de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo director territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Santiago Freire, visitou esta mañá, o CEIP Wenceslao Fernández Flórez, no  que se están levando a a cabo a reparación da cuberta cun orzamento de preto de 48.000 euros, no marco do Plan Ben-Estar 2026, co obxectivo de seguir renovando as infraestruturas educativas e ofrecer espazos máis seguros, funcionais, inclusivos e sostibles para toda a comunidade educativa.

Este centro educativo de infantil e primaria conta con case 400 alumnos, destacando a súa participación en numerosos programas educativos como Erasmus, Proa, Proxecta, Plambe ou Selo vida saudable, entre outros.

Durante a visita, a representante do Goberno galego destacou o compromiso da Xunta coa mellora continua dos centros educativos públicos, subliñando que “investir na calidade das infraestruturas educativas é investir no benestar do alumnado e do profesorado, así como nun ensino público de maior calidade”.

Durante a visita, Belén do Campo puxo en valor esta intervención que permitirá solucionar un problema xeneralizado de filtracións de auga que afectaban á cuberta do edificio. As obras consisten na execución dunha nova superficie impermeable con capa separadora xeotextil  sobre a cuberta existente mediante a instalación dunha lámina de PVC, que evitará a entrada de auga e mellorará a protección e conservación do inmoble. A actuación complétase coa impermeabilización integral dos canlóns, a instalación de seis novos desaugadoiros conectados ás baixantes existentes e o selado do lucernario con masilla híbrida, substituíndo o sistema de selado anterior.

Belén do Campo subliñou que son “actuacións moi necesarias que se executan durante o período estival. Neste caso,  o departamento educativo da Xunta ten previsto un paquete de 329 obras en toda Galicia do Plan Ben Estar por un importe de 7,2 millóns de euros”. Na provincia da Coruña este plan contempla 162 obras por un importe de case 2,8 millóns de euros. Ademais do Plan Ben Estar na cidade da Coruña están programadas con 13 intervencións que suman case 200.000 euros.

Ademais, o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica tamén recolle grandes obras en total en toda Galicia están en diferentes fases de execución 61 grandes actuacións por un importe de case 80 millóns de euros e na provincia da Coruña en concreto, 33 grandes obras, que contan cun orzamentos de máis de 38 millóns de euros

“Neste momento temos en marcha este verán catro grandes actuacións por importe de máis de 4,6 M€, como son a rehabilitación integral do Centro Integrado de FP Ánxel Casal–Monte Alto (2,5 M€), e os cambios de cuberta do Instituto Ramón Menéndez Pidal (941.000€) e do Colexio Sal Lence (en licitación, 234.000 €)”, CIFP Imaxe a Son (926.720 euros) incidiu. Ademais, estanse a preparar proxectos para outras nove intervencións.

A representante da Xunta destacou que este plan supón unha transformación progresiva dos centros educativos galegos para convertelos en espazos máis confortables, sostibles e preparados para afrontar os retos do futuro.

Finalmente, Belén do Campo reiterou que a Xunta continuará impulsando actuacións de mellora nos centros educativos da provincia da Coruña, co obxectivo de ofrecer unhas instalacións modernas, seguras e adaptadas ás necesidades do alumnado e do profesorado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/07/2026