Belén do Campo supervisa as obras realizadas no CPI Viaño Pequeno que contaron cun orzamento total de case 65.000€ para mellorar a súa funcionalidade

Concretamente, neste centro educativo as intervencións permitiron mellorar tanto a conservación do edificio como a seguridade das instalacións, dando resposta a distintas necesidades detectadas no centro

A representante do Goberno autonómico galego destacou o compromiso da Xunta coa mellora continua dos centros educativos públicos, subliñando que “investir na calidade das infraestruturas educativas é investir no benestar do alumnado e do profesorado”

Trazo (A Coruña), 30 de xullo de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada pola alcaldesa de Trazo, Fina Suárez, e polo director territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Santiago Freire, visitou esta mañá, o CPI Viaño Pequeno no que se levaron a cabo varias actuacións de mellora por un importe de case 65.000 euros, no marco do Plan Ben-Estar 2026, co obxectivo de seguir renovando as infraestruturas educativas e ofrecer espazos máis seguros, funcionais, inclusivos e sostibles para toda a comunidade educativa. Este CPI, de Educación Infantil, Educación Primaria e ESO conta con 230 alumnos

Durante a visita, a representante do Goberno galego destacou o compromiso da Xunta coa mellora continua dos centros educativos públicos, subliñando que “investir na calidade das infraestruturas educativas é investir no benestar do alumnado e do profesorado, así como nun ensino público de maior calidade”.

Concretamente, neste centro educativo as intervencións permitiron mellorar tanto a conservación do edificio como a seguridade das instalacións, dando resposta a distintas necesidades detectadas no centro. Entre os traballos realizados inclúense reparacións na cuberta e actuacións para corrixir problemas de filtracións, a renovación de varios tramos do canalón interior e actuacións na fachada e na carpintería exterior para eliminar goteiras e filtracións, principalmente mediante o selado das ventás.

Durante a visita, a delegada territorial tamén comprobou a rehabilitación da escaleira exterior de emerxencia do edificio de Secundaria. Para recuperar este elemento fundamental de seguridade, levouse a cabo un tratamento integral da estrutura metálica, eliminando a ferruxe, a pintura deteriorada e a suciedade mediante un proceso de granallado. Posteriormente aplicouse unha imprimación protectora e unha nova capa de pintura. Ademais, substituíronse os elementos da varanda que se atopaban deteriorados e aseguráronse aqueles que presentaban desprendementos ou falta de estabilidade.

A delegada territorial destacou que estas obras permiten ofrecer á comunidade educativa unhas instalacións máis seguras, confortables e axeitadas para o desenvolvemento da actividade docente. Neste sentido, incidiu en que o mantemento continuo dos centros educativos constitúe unha prioridade para a Xunta de Galicia, que segue investindo na mellora das infraestruturas escolares para garantir espazos de calidade ao alumnado e ao profesorado.

Belén do Campo subliñou que son “actuacións moi necesarias que se executan durante o período estival. Neste caso,  o departamento educativo da Xunta ten previsto un paquete de 329 obras en toda Galicia por un importe de 7,2 millóns de euros”. Na provincia da Coruña este plan contempla 162 obras por un importe de case 2,8 millóns de euros. Na comarca de Ordes realizaranse 8  actuacións nos concellos de Cerceda, Frades, Ordes, Mesía, Oroso e Trazo  cun importe de máis de case 252.000 euros.

A representante da Xunta destacou que este plan supón unha transformación progresiva dos centros educativos galegos para convertelos en espazos máis confortables, sostibles e preparados para afrontar os retos do futuro.

Finalmente, Belén do Campo reiterou que a Xunta continuará impulsando actuacións de mellora nos centros educativos da provincia da Coruña, co obxectivo de ofrecer unhas instalacións modernas, seguras e adaptadas ás necesidades do alumnado e do profesorado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/07/2026