A Xunta destaca o campamento de verán da entidade Capaces como exemplo de iniciativa de conciliación totalmente inclusiva
A directora xeral de Promoción da Igualdade, Eloína Ingerto, explicou que o Goberno galego financia esta actividade a través do Plan Corresponsables
Baleira (Lugo), 30 de xullo do 2026
A directora xeral de Promoción da Igualdade, Eloína Ingerto, visitou esta mañá as nenas e nenos que participan no campamento da asociación Capaces de apoio ás persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA) e que se desenvolve no albergue Porta Santa de Baleira. No encontro, puxo de exemplo esta iniciativa como unha actividade totalmente integradora que combina a conciliación e a inclusión.
Eloína Ingerto destacou a importancia de ofrecer actividades de conciliación adaptadas aos nenos e nenas con discapacidades, que sirvan para potenciar as súas habilidades e autonomía, ao tempo que se lle ofrece ás familias un recurso para os períodos non lectivos.
A directora xeral explicou que o Goberno galego financia con 25.000 euros esta iniciativa cofinanciada a través do Plan Corresponsables do Ministerio de Igualdade. Deste xeito, recalcou o compromiso da Xunta coa conciliación das familias, algo esencial para seguir avanzando en igualdade e que se traduce, dixo, nunha intensa colaboración entre a Administración autonómica e o tecido asociativo.