Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 20,00 h. de hoxe

Extinguido o lume rexistrado no concello de Taboada, parroquia de Ínsua, que finalmente afectou unha superficie de 46,63 hectáreas, das cales 41,1 se corresponden con monte arborado e 5,53 con raso

Continúa controlado desde as 13,36 horas de hoxe o incendio forestal rexistrado no municipio lucense de Ourol, parroquia de Merille, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de arredor de 30 hectáreas

Segue tamén controlado o incendio forestal do concello coruñés de Monfero, parroquia do Alto de Xestoso, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 30 hectáreas, a súa maioría no municipio lucense de Guitiriz

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2026

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 20,00 horas de hoxe.

A CORUÑA

Controlado Monfero-O Alto de Xestoso

Continúa controlado desde as 22,22 horas de onte o incendio forestal do concello coruñés de Monfero, parroquia do Alto de Xestoso, rexistrado este mércores ás 14,26 horas. Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie de arredor de 30 hectáreas, parte delas no municipio lucense de Guitiriz. Para a súa extinción mobilizáronse ata o momento 1 técnico, 16 axentes, 20 brigadas, 15 motobombas, 2 pas, 4 helicópteros e 4 avións.

LUGO

 Extinguido Taboada-Ínsua

Ás 19,40 horas de hoxe quedou extinguido o incendio do concello de Taboada, parroquia de Ínsua, que finalmente afectou unha superficie de 46,63 hectáreas, das cales 41,1 se corresponden con monte arborado e 5,53 con raso. Para a extinción deste incendio, orixinado ás 16,44 horas deste martes, mobilizáronse de xeito acumulado 5 técnicos, 16 axentes, 32 brigadas, 24 motobombas, 3 pas, 8 helicópteros e 6 avións.

Controlado Ourol-Merille

Segue controlado desde as 13,36 horas de hoxe o incendio forestal rexistrado no municipio de Ourol, parroquia de Merille, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de arredor de 30 hectáreas. Comezou onte ás 13,35 horas e para a súa extinción mobilizáronse, ata o de agora, 2 técnicos, 10 axentes, 20 brigadas, 17 motobombas, 3 pas, 3 helicópteros e 2 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Asemade, tamén está dispoñible para a súa descarga ALume, a app para avisar sobre incendios forestais activos en Galicia. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X: @incendios085.

Data de actualización: 30/07/2026