O sector turístico galego incrementa a súa rendibilidade case o 7% no primeiro semestre de 2026
Máis de 2,95 millóns de visitantes fixeron máis de 5,1 millóns de noites nos establecementos de aloxamento da comunidade, segundo os datos feitos públicos hoxe polo INE
O mercado internacional supuxo o 37,3% dos turistas totais que visitaron Galicia entre xaneiro e xuño deste ano
Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2026
Galicia pechou o primeiro semestre de 2026 cunha evolución positiva do seu sector turístico cun incremento dos ingresos hoteleiros do 5,3%, ata alcanzar os 174 millóns de euros, e unha mellora da rendibilidade do 6,8%.
Segundo os datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE), entre xaneiro e xuño, os establecementos turísticos galegos recibiron máis de 2,95 millóns de viaxeiros -cifra semellante á rexistrada no mesmo período de 2025- que realizaron máis de 5,1 millóns de noites, un 3,1% máis que no primeiro semestre de 2025. A estadía media medrou tamén un 3,6%, situándose nas 1,7 noites por visitante, o que contribúe a reforzar o impacto económico da actividade turística.
Só no mes de xuño, os establecementos hoteleiros e extrahoteleiros de Galicia rexistraron máis de 844.000 viaxeiros, un 2% máis que no mesmo mes do ano anterior, que realizaron máis de 1,5 millóns de noites, cun incremento do 5%, confirmando a tendencia positiva da demanda ao inicio da tempada estival.
Por mercados, o internacional que supón o 37,3% do total de visitantes no primeiro semestre, mantivo a súa tendencia de crecemento, cun aumento do 1,9% no número de viaxeiros. Estados Unidos consolidouse como o principal mercado internacional en volume, con 135.777 visitantes e un destacado incremento do 14,9%, seguido de Portugal, con 129.845 viaxeiros (+2,7%). Tamén sobresaíu o forte crecemento de Italia, cun 18,9% máis de visitantes ata os 55.003. Alemaña rexistrou 69.791 viaxeiros (-3,6%), o Reino Unido 45.674 (-12,2%), Francia 34.227 (-5,1%) e os Países Baixos 23.676 visitantes (+1%).