A Xunta promove as Illas Atlánticas como punto estratéxico de observación da eclipse con actividades gratuítas arredor da astronomía

A programación prevista, que será gratuíta e está dirixida a todos os públicos, terá como data clave o 12 de agosto -coincidindo coa eclipse total de sol e coa chuvia de estrelas- e se prolongará ata a primeira fin de semana de setembro

A Federación Galega de Astronomía e Radioastronomía (Fegar) dirixirá e coordinará, co apoio do persoal do Parque Nacional, as accións pensadas para difundir os valores que desde 2016 acreditan este espazo como destino turístico Starlight

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2026

O Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia ofrece este verán unha completa programación de actividades astronómicas, coincidindo coa eclipse total de sol, co obxectivo de diversificar o seu uso público e dar a coñecer entre os seus visitantes unha parte destacada dos seus recursos naturais, como é o ceo.

Por décimo ano consecutivo, a Federación Galega de Astronomía e Radioastronomía (Fegar) dirixirá e coordinará as accións de dinamización previstas para difundir os valores que desde 2016 acreditan este espazo como destino turístico Starlight. Para logralo, Fegar contará coa colaboración e apoio loxístico do persoal do Parque Nacional no desenvolvemento das actividades, que serán gratuítas e van dirixidas a distintos sectores da poboación, incluído o público infantil.

Os destinos que contan co selo Starlight -avalado pola Unesco, apoiado pola Unión Astronómica Internacional e a Organización Mundial de Turismo e outorgado pola Fundación Starlight- son lugares visitables que gozan de condicións óptimas para a contemplación dos ceos estrelados e que, ao estar protexidos da contaminación luminosa, resultan moi axeitados para as actividades turísticas centradas neste recurso.

A programación prevista nas Illas Atlánticas terá como data clave o 12 de agosto, coincidindo coa eclipse total de sol e coa chuvia de estrelas, e se prolongará ata a primeira fin de semana de setembro. Durante as diferentes xornadas realizaranse observacións diúrnas e nocturnas, nas que se porá a disposición das persoas participantes material óptico de última xeración e equipos electrónicos.

En concreto, durante a quenda de mañá as accións levaranse a cabo entre as 13,30 e as 14,00 horas e céntranse na observación solar co fin de achegar aos asistentes ao seu funcionamento interno e a importancia que ten na meteoroloxía planetaria, así como a súa estreita relación co ciclo da vida terrestre.

A observación astronómica en sentido estrito desenvolverase polas noites, de 23,30 a 01,30 horas, con charlas a cargo de expertos nas que se afondará nos veciños estelares máis próximos, nos calendarios astronómicos que empregaban as civilizacións antigas ou na información que nos aporta a luz que achegan.

A programación chegará aos catro arquipélagos, aínda que a oferta concentrarase en Cíes, onde se realizarán actividades do 1 de agosto ao 1 de setembro. No caso de Ons, onde ao longo do mes de xullo xa se realizaron 15 xornadas nas que participaron 650 persoas, a actividade retomarase en agosto os días 12, 13 e 14. As accións en Cortegada e en Sálvora concéntranse arredor do día 12 de agosto, coincidindo coa eclipse total de sol e coa chuvia de estrelas fugaces Perseidas -lágrimas de San Lourenzo-.

Destino Starlight desde 2016

Cómpre lembrar que o Parque Nacional das Illas Atlánticas é destino Starlight desde o ano 2016 e de aí a importancia de actividades coma estas, que buscan difundir os valores do ceo nocturno do arquipélago e promover a observación das estrelas desde as illas.

Ademais, a finais de 2015 tamén recibiu a Carta Europea de Turismo Sustentable (CES) en recoñecemento ao seu compromiso activo cunha actividade turística de calidade. As accións de observación e divulgación astronómica programadas para xullo, agosto e setembro enmárcanse nos obxectivos da CETS, que busca mellorar a calidade da oferta turística do parque, facéndoa compatible coa conservación dos seus valores naturais.

Data de actualización: 01/08/2026