Villaverde apela ao xeito de producir respectuoso do sector galego na inauguración da Feria Produart en Burela
A conselleira do Mar destacou o compromiso e a responsabilidade de produtores e artesáns locais e puxo en valor a crecente demanda social dun consumo sustentable e con conciencia ecolóxica
Burela, 31 de xullo de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou hoxe na inauguración da XXIV Feira dos Produtos do Mar e da Terra, Artesanais e Ecolóxicos, Produart, onde reivindicou o modelo produtivo respectuoso que caracteriza ao sector pesqueiro e aos produtores e artesáns galegos, baseado na sustentabilidade, na calidade e no respecto polo medio natural.
Durante a súa intervención, a titular de Mar sinalou que iniciativas como Produart contribúen a reforzar unha forma de producir e consumir responsable, ao tempo que serven de escaparate para os produtos artesanais, ecolóxicos e do mar elaborados en Galicia. Nesa liña, destacou que cada vez existe unha maior concienciación social sobre a necesidade de apostar por un consumo sustentable e respectuoso coa contorna.
Villaverde subliñou que Galicia mantén unha vinculación histórica co mar e coa terra, o que permitiu consolidar un modelo produtivo baseado no respecto polas materias primas, pola autenticidade dos produtos de orixe e pola preservación dos recursos naturais. Segundo indicou, esa tradición evolucionou ao longo das xeracións ata converterse nun dos sinais de identidade da comunidade e nun dos piares do prestixio dos produtos galegos.
A conselleira puxo en valor o papel que desempeñan pequenos produtores, pemes, empresas familiares, artesáns e traballadores autónomos na conservación deste modelo, ao considerar que constitúen unha das principais fortalezas do tecido produtivo galego e un activo fundamental para a proxección de Galicia nos mercados.
Deste xeito, sinalou que tanto Produart como a Feira do Bonito de Burela, que se celebra de maneira paralela, conforman un escaparate privilexiado para promocionar a calidade dos produtos galegos ademais de contribuír á dinamización económica, social e turística da Mariña lucense, atraendo cada ano a un maior número de visitantes.
Antes de rematar a súa intervención, Marta Villaverde quixo trasladar un recoñecemento especial ao sector pesqueiro de Burela, do que destacou o seu compromiso cun modelo de produción artesanal, responsable e sustentable. Neste sentido, asegurou que o labor dos profesionais do mar contribúe a reforzar o prestixio de Galicia e dos seus produtos de calidade tanto dentro como fóra da comunidade.