A Xunta e o sector do marisqueo a flote da Ría de Vigo avalían diversas opcións de xestión para garantir a sustentabilidade dos bancos
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles Vázquez Suárez, mantivo hoxe un encontro en Vigo con representantes da Asociación de Marisqueo a Flote Ría de Vigo e da Confraría de Baiona no marco da cogobernanza co sector
Na xuntanza analizouse a evolución da campaña extractiva na ría e debatéronse de xeito conxunto diversas alternativas organizativas para mellorar a ordenación da actividade e protexer os recursos mariños
Vigo, 31 de xullo de 2026
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles Vázquez Suárez, mantivo unha xuntanza con representantes da Asociación de Marisqueo a Flote Ría de Vigo e da Confraría de Pescadores de Baiona. A reunión, enmarcada na axenda de contactos coas entidades sectoriais, tivo como obxectivo avaliar diversas opcións de xestión para garantir a sustentabilidade dos bancos marisqueiros.
No encontro abordouse a situación actual do plan de xestión específico de moluscos bivalvos desde embarcación nas zonas de libre marisqueo da ría de Vigo. Nese eixe, estudáronse os datos de seguimento biolóxico da campaña e avaliouse de xeito conxunto o impacto das dinámicas operativas sobre o esforzo pesqueiro e os stocks de especies de alto valor comercial, como a cornicha no banco de Baiona.
A Consellería do Mar e sector estudaron as análises e propostas de adaptación técnica co fin de optimizar o desenvolvemento diario da actividade e evitar niveis de extracción que poidan comprometer a rexeneración natural do medio mariño. Un estudo que alcanzou ao marco normativo coa finalidade de avaliar o encaixe das posibles liñas de actuación co obxectivo de garantir unha ordenación equilibrada que harmonice a viabilidade económica coa conservación dos ecosistemas.
A directora xeral puxo en valor a importancia da actividade marisqueira na ría de Vigo na que, desde o inicio do ano, comercializáronse máis de 240 toneladas de moluscos bivalvos, xerando unha facturación próxima aos 3,5 millóns de euros nas lonxas da zona. Así mesmo, Ángeles V. Suárez destacou o compromiso continuo da Xunta coa recuperación e mellora das zonas produtivas da ría, lembrando a sinatura dos convenios de colaboración coas confrarías de Redondela, Vilaboa e Arcade nos que o Goberno galego mobiliza máis de 1,3 millóns de euros para contrarrestar o impacto dos temporais a comezos do ano nos bancos marisqueiros do fondo da ría.