Ábrese a venda dos billetes de autobús cos que se reforza o transporte público no Eixo Atlántico, en Lugo e na Mariña o día da eclipse
As prazas poden reservarse xa nas páxinas web de Monbus e de Arriva
Haberá conexións especiais de autobús desde Vigo cara á Coruña e Ferrol cun novo servizo de saída en cada ruta e unha volta ás 23,00 horas en ambos os casos
Tamén se reforzan as liñas entre Lugo e Ribadeo e entre Ribadeo e Foz con servizos especiais pola tarde e regresos nocturnos
Estas conexións súmanse aos servizos regulares que xa conectan cada día estes lugares e que permiten chegar antes do comezo da eclipse
Na web eclipse.xunta.gal a Xunta ofrece información actualizada e recomendacións sobre este fenómeno
Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2026
As empresas concesionarias Monbus e Arriva teñen xa dispoñibles nas súas respectivas páxinas web os billetes dos servizos especiais de autobús cos que a Xunta reforza o transporte público por estrada no Eixo Atlántico, en Lugo e na Mariña con motivo da eclipse solar do vindeiro 12 de agosto.
Este dispositivo facilitará os desprazamentos cara ás zonas con mellores condicións para a observación da eclipse, ofrecerá unha alternativa ao vehículo privado e contribuirá a reducir a presión sobre a rede viaria nunha xornada na que se prevé unha elevada afluencia de persoas.
No Eixo Atlántico habilítanse conexións especiais desde a estación intermodal de Vigo cara ás estacións de autobuses da Coruña e Ferrol. Na ruta Vigo-Ferrol incorpórase un servizo especial con saída ás 12,35 horas e chegada prevista ás 15,30 horas, con paradas nas estacións de autobuses de Pontevedra e Santiago de Compostela, en Pontedeume, Fene e, xa en Ferrol, na avenida das Pías e no barrio do Pilar. Este servizo súmase ás conexións regulares con saída desde Vigo ás 7,35, 12,45 e 14,45 horas, que tamén permiten chegar antes do comezo da eclipse.
Na ruta Vigo-A Coruña habilítase un servizo especial con saída ás 14,00 horas, con paradas na estación de autobuses de Pontevedra, na estación intermodal de Santiago de Compostela e na avenida de Alfonso Molina da Coruña. Ademais, mantéñense os servizos regulares con saídas ás 6,30, 8,45, 9,35, 10,45, 14,00 e 15,35 horas, que tamén permiten chegar ao destino antes do inicio do fenómeno.
Nos dous itinerarios habilítase un servizo especial de regreso ás 23,00 horas, unha vez rematada a observación da eclipse.
Na provincia de Lugo incorpórase unha nova saída ás 17,00 horas na liña Lugo-Meira-Ribadeo, que se suma ás conexións habituais das 13,30 e das 15,30 horas. O traxecto realizará as paradas habituais en Castro de Rei, Pol, A Pastoriza, Meira, Riotorto, A Pontenova, San Tirso de Abres, Trabada e Vegadeo. O regreso desde Ribadeo efectuarase ás 22,30 horas.
Dentro da Mariña lucense tamén se reforza a conexión entre Ribadeo e as praias de Foz cunha nova saída ás 18,00 horas, que complementa os servizos regulares das 9,30, 12,30, 13,45, 16,00 e 19,00 horas. Os servizos especiais de regreso están programados ás 21,30 e 22,00 horas.
Os billetes poden adquirirse xa nas páxinas web de Monbus e Arriva. Ademais, o propio día da eclipse tamén será posible mercalos nas estacións de autobuses —ata dúas horas antes da saída no caso dos servizos do Eixo Atlántico— e nos propios vehículos nas liñas de Lugo e da Mariña, en ambos os dous casos ata completar a capacidade dispoñible. As persoas usuarias poderán empregar a Tarxeta de Mobilidade de Galicia para beneficiarse das bonificacións da Xunta, incluídas as viaxes gratuítas para menores de 21 anos coa tarxeta Xente Nova e para maiores de 65 anos coa tarifa +65.
Información de interese sobre a eclipse
Cómpre lembrar que a Xunta activou a finais de abril unha web específica sobre a eclipse que funciona como unha xanela única a través da que a Xunta vai ofrecendo á cidadanía información sobre a eclipse. O espazo, aloxado na web corporativa da Xunta de Galicia, permite acceder a un mapa interactivo de Galicia no que se poden consultar os datos referidos á eclipse en cada concello de Galicia, hora de inicio e de finalización, predición meteorolóxica con información de MeteoGalicia, etc. Ademais, ofrece consellos prácticos orientados á observación da eclipse en materia de saúde, seguridade, mobilidade ou protección do medio ambiente e dos espazos naturais protexidos.