A Xunta convoca un curso para formar policiais locais como pilotos de drons e radiofonistas

O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe a iniciativa, que se desenvolverá de outubro deste ano a marzo de 2027

Impartiranse 80 horas lectivas que combinan formación teórica en liña e práctica presencial

Ofértanse 70 prazas, a convocatoria máis numerosa ata o momento en formación nesta materia por parte da Academia Galega de Seguridade Pública

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2026

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria dun curso de pilotaxe de drons e radiofonista para persoal dos corpos de Policía Local de Galicia. A Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) ímpartirá a acción formativa a partir do 1 outubro deste ano e ata o 31 de marzo de 2027, con 80 horas lectivas das que a metade serán de voo práctico e real. A través da iniciativa ofértanse 70 prazas, o que converte esta convocatoria na máis numerosa da Agasp na materia.

A actividade formativa estrutúrase nunha parte teórica en liña e outra práctica de carácter presencial. Na primeira delas darase unha formación inicial, cunha duración de 20 horas e que lle facilitará ao alumnado a preparación correspondente ás categorías abertas A1 e A3. Entre os contidos abordarase o concepto normativo, coñecemento xeral do voo con sistemas de aeronaves non tripuladas (UAS) e procedementos operacionais.

Posteriormente, impartirase a formación teórica específica para o uso de drons, por unha banda, e radiofonista, por outra. A correspondente aos escenarios estándar europeos STS-01 e STS-02, coa que se habilita no uso de drons para seguridade e emerxencias pola Axencia Estatal de Seguridade Aérea (Aesa), abrangue o marco normativo europeo, a meteoroloxía, a navegación, o coñecemento xeral da aeronave e procedementos xerais, entre outros contidos. 

No que se refire á preparación para radiofonista, os temas previstos son clasificación do espazo aéreo e servizos de tránsito aéreo, principios de radiotelefonía e comunicacións, radiotelefonía e comunicacións, procedementos de radio e procedementos de emerxencia.

Formación práctica

A formación continúa coa parte práctica, que inclúe practicas estándar da Aesa, coa realización de manobras para a superación da avaliación oficial, e nos diferentes escenarios, así como presentación e resolución de operación de emerxencia con drons, con prácticas de voo simulado en escenarios de vixilancia policial, xestión de grandes eventos e busca de persoas desaparecidas.

Pola súa banda, as prácticas de radiofonista céntranse na realización de exercicios prácticos de radiotelefonía aeronáutica preparatorios para o exame oficial, incluíndo comunicacións aeronáuticas, fraseoloxía normalizada, procedementos operativos, procedementos de emerxencia e simulación de comunicacións aire-terra.

O prazo para inscribirse nesta convocatoria comeza mañá, 5 de agosto, e remata o 15 de setembro. O persoal interesado deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.gal). Requírese que todo o alumnado dispoña á data de inicio das prácticas de voo a titulación teórica en polo menos os escenarios abertos A1, A3. Para iso, a Agasp facilitará o acceso ás instrucións de matriculación nesa formación, asesoramento e seguimento.

Programa formativo

O curso de piloto de drons e radiofonista forma parte do programa formativo da Agasp, que prevé ao longo deste ano máis de medio milleiro de cursos que suman case 21.000 horas e con máis de 17.800 prazas. Concretamente en materia de pilotaxe de drons, ademais da acción formativa publicada hoxe, está previsto convocar outras dirixidas ao persoal de diferentes corpos de seguridade e emerxencias, de xeito que se habilitarán 200 pilotos de drons para o exercicio e práctica no eido da seguridade pública e emerxencias.

A Agasp é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia, xa que ademais de preparar as novas promocións de Policía Local ofrece accións formativas con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario e dos servizos de emerxencias que garanten a seguridade da poboación galega.

Data de actualización: 04/08/2026