O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou este centro, pertencente á rede pública autonómica

A Xunta comproba o inicio das obras de mellora no exterior da escola infantil de Carral, nas que inviste preto de 30.000 euros

Os traballos inclúen a construción dun almacén e a cubrición do patio posterior para que os nenos e as nenas poidan usar esta zona durante todo o ano

Carral (A Coruña), 4 de agosto do 2026

O xerente do Consorcio Galego de Servizos e Igualdade, Perfecto Rodríguez, visitou hoxe a escola infantil pública autonómica de Carral acompañado do alcalde, José Luis Fernández Mouriño. O Concello aproveitará este mes de agosto no que non hai actividade no centro para realizar diferentes traballos de mellora, financiados pola Xunta.

En concreto, o Consorcio achegará case 30.000 euros para diferentes actuacións na zona exterior do centro. Concretamente, construirase un novo almacén exterior que permitirá gardar xoguetes e diferentes enseres. Ademais, procederase a cubrir o patio exterior que conectará a cuberta do patio xa existente co novo almacén, co obxectivo de que os alumnos e alumnas poidan usalo durante todo o ano.

As melloras que se levarán a cabo neste centro forman parte dun programa de intervencións en escolas infantís públicas de 0 a 3 anos toda Galicia, de titularidade municipal e autonómica, ao que a Xunta destina preto de 1M€.

Con estes fondos, procedentes do Fondo de Cohesión e Transformación Social (FCT), estanse acometendo actuacións de reforma, de ampliación, de renovación de cubertas e fachadas ou de equipamento en 14 concellos  de toda Galicia. Serán os municipios os encargados de contratar e executar os traballos, que deberán estar rematados en decembro deste ano.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/08/2026