O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude visitou as renovadas instalacións da Biblioteca municipal do concello pontevedrés

López Campos destaca en Poio o compromiso do Goberno galego coa “excelencia e calidade” de todas as dotacións culturais locais de Galicia

A Xunta facilitou a renovación do mobiliario bibliotecario e do pavimento desta instalación municipal cunha achega de preto de 20.000€ para estas actuacións

O titular de Cultura do Executivo autonómico pon en valor a relevancia deste tipo de actuacións para facilitar o acceso á programación cultural en todo o territorio galego, na liña da pioneira Lei de cultura inclusiva e accesible

Poio (Pontevedra), 4 de agosto de 2026.

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou hoxe a Biblioteca Municipal de Poio, que foi obxecto dunha mellora de equipamentos para a que o Executivo autonómico fixo unha achega de preto de 20.000€, “na liña do noso compromiso coa excelencia e calidade de todas as dotacións culturais locais de Galicia”.

Con este obxectivo, o titular de Cultura da Xunta precisou que, con esta partida, o espazo municipal, que forma parte da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia desde 2019, “renovou o mobiliario, ao tempo que se instalou unha novo pavimento”. Unha intervención que inxeriu ao abeiro do compromiso do Goberno galego “coa modernización das infraestruturas a todos os niveis, para que a actividade cultural estea ao alcance de todas as persoas e nas mellores condicións, independentemente da súa localización xeográfica”.

Lei pioneira de cultura inclusiva e accesible

Consecuentemente, o conselleiro emprazou a veciñanza a “gozar das novas posibilidades que se abren na biblioteca coa renovación das instalacións” en concordancia cos plans da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para a actualización dos equipamentos, “ao abeiro da Lei de Cultura inclusiva e accesible de Galicia”.

Precisamente, salientou que, con esta normativa, Galicia se situou como “pioneira en Europa na lexislación en materia de inclusividade e accesibilidade cultural”, á vez que incidiu en que as actuacións, como a realizada nesa biblioteca pontevedresa, “enmárcanse na estratexia do Goberno galego de fomentar e facilitar o acceso universal á creación e programación  cultural”.

Nesta liña, puxo en valor o programa da Xunta de Galicia Ler conta moito, que este ano está achegando “actividades de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas e axencias de lectura en 190 concellos”

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/08/2026