A Xunta saca a consulta pública a mellora de tramos dos Camiños Portugués e da Costa
No marco do Plan de Seguridade Viaria dos Camiños de Santiago, a actuación beneficiará aos concellos de Redondela, Vilaboa, Pontecesures, Barro, Portas, Tui, Pontevedra, Baiona, O Porriño, Valga, Padrón, Teo, Rois e Ames
Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2026
No marco do Plan de Seguridade Viaria dos Camiños de Santiago co que a Xunta está a traballar para evitar que as persoas peregrinas e usuarios en xeral transiten polas zonas de circulación de vehículos nas rutas xacobeas, o Goberno autonómico somete a trámite de información pública o proxecto de trazado dos treitos comúns dos camiños portugués e da Costa. Así o recolle o Diario Oficial de Galicia deste martes, no que se enumera ademais a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados.
En total o proxecto, que se enmarca na estratexia de fomento da mobilidade sostible do Goberno galego, implicará 248 predios de 14 concellos distintos das provincias de Pontevedra e A Coruña, polas que discorren os itinerarios. Trátase dos municipios de Redondela, Vilaboa, Pontecesures, Barro, Portas, Tui, Pontevedra, Baiona, O Porriño, Valga, Padrón, Teo, Rois e Ames.
Agora ábrese o período de 30 días hábiles -a contar a partir do 5 de agosto- no que as persoas afectadas poden formular as alegacións que crean convenientes sobre a concepción global da actuación e das distintas alternativas analizadas, rectificar erros ou oporse ao proxecto, mediante escrito dirixido á Axencia de Turismo de Galicia. Unha atendidas as alegacións, procederase á aprobación dos trazados definitivos de cada Camiño por parte do Consello da Xunta, para, avanzar na execución en cada un deles.
A documentación que compón o proxecto estará a disposición da cidadanía na sede central de Turismo de Galicia, así como nas áreas provinciais de Pontevedra e A Coruña e nos 14 municipios beneficiados. Tamén se pode consultar a través da web de Turismo de Galicia.
Plan de seguridade viaria dos Camiños de Santiago
O anuncio enmárcase no Plan de seguridade viaria dos Camiños de Santiago, que a Xunta ten en marcha cun investimento global de máis de 40M€ e actuacións en máis de 150 quilómetros das nove rutas xacobeas terrestres. Ata o de agora, pasaron este mesmo trámite o Camiño Primitivo, o Camiño de Fisterra-Muxía, o Camiño de Inverno, o Inglés e o do Norte.