A directora xeral de Promoción da Igualdade, Eloína Ingerto, participou esta tarde na inauguración da exposición cos traballos das participantes na iniciativa

A Xunta destaca o proxecto Tecendo Soños da Veiga como exemplo de inclusión social e participación das mulleres do rural

O Executivo galego valora ademais a reivindicación da creación e da transmisión da cultura que fomenta este programa, cuxo desenvolvemento financia con 15.000 euros

A Veiga (Ourense), 5 de agosto de 2026.

A directora xeral de Promoción da Igualdade, Eloína Ingerto, participou esta tarde na inauguración da exposición cos traballos das participantes no proxecto Tecendo Soños, unha iniciativa impulsada pola Asociación Centro de Animación Rural de Mulleres da Veiga e polo Concello para promover encontros e actividades entre as mulleres de máis idade desta localidade.

A directora xeral destacou o exemplo de inclusión social e participación que supón este programa que, a través da confección comunitaria de pezas artísticas, fomenta ademais o envellecemento activo e o benestar das mulleres maiores.

Eloína Ingerto puxo en valor que Tecendo Soños crea espazos de convivencia e apoio que favorecen a formación de vínculos e fortalecen o sentimento de pertenza á comunidade ao tempo que facilita a preservación da identidade cultural e a transmisión de saberes tradicionais.

O Goberno galego colabora co concello da Veiga e a Asociación Centro de Animación Rural de Mulleres da Veiga na posta en marcha desta iniciativa, que se leva a cabo desde o ano 2016, cunha achega económica, que nesta ocasión foi de 15.000 euros.

Data de actualización: 05/08/2026