O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes comprobou hoxe as obras realizadas no marco dun convenio co Concello
A Xunta colabora na mellora do polideportivo municipal de Cariño cunha achega de 190.000€
As actuacións centráronse na reparación e acondicionamento da cuberta e da pista deportiva, ademais da substitución de portas
A iniciativa enmárcase no compromiso do Goberno galego coas instalacións deportivas municipais, fundamentais para facilitar a práctica do deporte entre a poboación
Cariño (A Coruña), 6 de agosto de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, comprobou hoxe en Cariño as obras de acondicionamento realizadas no pavillón polideportivo municipal no marco do convenio asinado o pasado ano co Concello. A través do acordo, a Xunta achegou preto de 190.000 euros, o 80% do investimento global, cifrado en máis de 237.000 euros.
As obras centráronse principalmente na reparación e acondicionamento de cuberta e da pista deportiva, co obxectivo de resolver os danos rexistrados na tarima de madeira a causa da entrada de auga pola cuberta e evitar que isto volva suceder. Ademais, substituíronse as portas e habilitáronse saídas de evacuación adaptadas á normativa actual.
Diego Calvo enmarcou a iniciativa no compromiso da Xunta coas instalacións deportivas municipais para que as persoas usuarias dispoñan de instalacións axeitadas, seguras e confortables. O conselleiro incidiu tamén na importancia destas infraestruturas para facilitarlle a práctica do deporte ao conxunto da poboación.
Así, lembrou que o pavillón municipal de Cariño compatibiliza usos deportivos variados, como balonmán, baloncesto, fútbol sala, hóckey sobre patíns, voleibol, escalada ou tenis. Situado nas proximidades do CEIP, serve así mesmo como local para a práctica da materia de Educación Física ao alumnado do centro.
O conselleiro destacou o compromiso do Goberno galego cos concellos, xa que só o ano pasado o apoio autonómico permitiu impulsar preto dun milleiro de proxectos mediante as diferentes liñas específicas de colaboración coas entidades locais. No caso de Cariño, o investimento destinado ao municipio nos últimos anos a través das distintas medidas de apoio ao eido local suma máis de 1,2 millóns de euros.