A directora xeral de Xuventude visitou o campamento ‘Aventura na granxa’ en Tomiño

Lara Meneses destaca a oferta de campamentos na provincia de Pontevedra con máis de 2.100 prazas

A directora xeral de Xuventude gaba “o traballo da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para que esta campaña, un referente no conxunto do Estado, siga á vangarda”

Tomiño (Pontevedra), 6 de agosto de 2026

A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, puxo hoxe en valor “a grande e variada programación que ofrece Modo Verán Activo na provincia de Pontevedra con máis de 2.100 prazas de campamentos e experiencias para que toda a cativada aproveite ao máximo o seu verán”. Fíxoo na súa visita aos participantes do campamento Aventura na granxa en Tomiño, unha das propostas da campaña de verán da Xunta na provincia.  

Neste senso, Meneses gabou “o traballo da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para que esta campaña, que é xa un referente no conxunto do Estado, siga á vangarda con 11.932 prazas totais, a maior oferta da súa historia”. Neste senso, convidou á cativada a desfrutar dos días de verán e aproveitar a oportunidade de coñecer novas amizades e probar novas actividades.

No caso de Tomiño, as instalacións da granxa escola Corazón de Carballo acollen este verán 70 rapaces en dúas quendas desde o 20 de xullo ata o 7 de agosto. Os participantes levan a cabo distintas dinámicas para o coñecemento dos animais da granxa, da horta ecolóxica e da compostaxe, ademais de participar en obradoiros ecolóxicos e actividades deportivas e de aventura como técnicas de orientación e de supervivencia ou rastrexo con contido cultural, entre outras propostas. Cómpre lembrar que nestas instalacións tamén haberá catro quendas do minicampamento Pequeaventura na granxa con 140 rapaces.

Un verán con actividades ata os 30 anos

Do total de 11.932 prazas ofertadas, a maioría concéntrase na modalidade de campamentos, destinada a nenos e nenas de entre 9 e 17 anos. Trátase dun total de 8.050 prazas repartidas en 36 instalacións das catro provincias. A campaña compleméntase cos minicampamentos Coñece Galicia, unha iniciativa que permite ofrecer unha proposta lúdico formativa en espazos naturais cunha duración de cinco días, que este ano chegan ás 876 prazas.

Tamén se lle dá continuidade ao paquete de actividades de ocio educativo, alternativo e saudable para persoas de 18 a 30 anos, que ofrece 160 prazas, e aos campos de voluntariado, destinados a persoas maiores de 18 anos, que incrementan as súas prazas nesta convocatoria ata as 815 entre Galicia, outras Comunidades Autónomas e o estranxeiro.

Ademais desta oferta directa, con 1.270 prazas a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude tamén inclúe na súa campaña de verán o uso das instalacións xuvenís por parte de asociacións, entidades prestadoras de servizos á mocidade, escolas de tempo libre, corporacións locais e outras entidades públicas ou privadas que leven a cabo plans relacionados cos mozos e mozas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/08/2026