A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe en Ponte Caldelas a nave de Carpintaría Ceyeda beneficiaria das axudas Xera-Valor
Lorenzana destaca que preto de 2.000 empresas e particulares beneficiáronse xa dos programas do Goberno galego para consolidar o sector da madeira
Lembra que desde a creación da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) investíronse máis de 113 millóns de euros para consolidar unha industria clave para a economía de Galicia
Felicita aos responsables desta firma pontevedresa “polo traballo feito ao longo dos 25 anos de traxectoria na que conseguistes conxugar innovación e tradición dun xeito exemplar”
Ponte Caldelas (Pontevedra), 6 de agosto 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, subliñou hoxe que preto de 2.000 empresas e particulares (1.897) beneficiáronse xa dos programas de axudas que a Xunta está a impulsar desde a posta en marcha da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera). Uns apoios nos que se levan investidos máis de 113 millóns de euros, segundo explicou no transcurso da visita que, xunto co director da Xera, Alfredo Fernández Ríos, realizou ás instalacións que a Carpintería Ceyeda ten no municipio pontevedrés de Ponte Caldelas.
Lorenzana percorreu a sede desta empresa que cumpre este ano 25 anos de vida e que está especializada na fabricación e montaxe de carpintería técnica, mobiliario e solucións integrais en madeira para os sectores da construción, o retail, a hostalería, o naval e o contrac. Alí destacou o crecemento desta firma de orixe familiar, que puxo como exemplo de “diversificación e adaptación aos tempos”.
A concelleira de Economía e Industria tamén lembrou que Ceyeda resultou beneficiaria da última convocatoria do programa Xera-valor, a liña de axudas que impulsa a Xunta para desenvolver proxectos dirixidos á valorización, segunda transformación e ecoinnovación de produtos forestais, así como para a mellora da seguridade e saúde no ámbito laboral da industria forestal e tamén do contract.
O programa Xera-valor, xunto cos programas Xera-tecno, Xera-savia e Xera-madeira, forma parte dos apoios recollidos no Plan director do sector forestal-madeira 2026-2028, aprobado recentemente e que aspira a mobilizar 114 millóns de euros. O plan inclúe 88 medidas orientadas a impulsar a innovación, a dixitalización, a sustentabilidade e a competitividade das empresas do sector co obxectivo de xerar emprego estable, de calidade e de alto valor engadido.
Finalmente, Lorenzana reiterou o compromiso da Xunta co sector forestal-madeira, “unha industria estratéxica – dixo – que queremos seguir impulsando e fortalecendo da man de toda a cadea de valor para reforzar a súa posición de liderado a nivel global”.