Villares destaca a aposta da Xunta pola Atención Primaria, con novas infraestruturas e medidas organizativas

O delegado territorial de Lugo visitou hoxe a parcela na que se construirá o novo centro de saúde de Becerreá e indicou que se traballa na elaboración do proxecto

Becerreá (Lugo), 6 de agosto de 2026

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, destacou hoxe o esforzo que está a realizar a Consellería de Sanidade para potenciar a Atención Primaria e concederlle o lugar prioritario que merece, tanto con novas e modernas infraestruturas como impulsando unha reforma organizativa.

Villares visitou a parcela na que se construirá o futuro centro de saúde de Becerreá acompañado polo alcalde, Manuel Martínez. Sinalou que se traballa na elaboración do proxecto básico e de execución, adxudicados o pasado mes de maio xunto á dirección de obra por un importe de 212.792 euros.

A Xunta investirá máis de 3,2 millóns de euros nesta dotación, que contará cunha superficie construída superior aos 2.000 m2. Disporá de tres consultas de medicina, tres    de enfermería, área de pediatría, matrona, hixienista ou consulta de traballo social, entre outras.

Igualmente, reforzarase a capacidade do PAC, que atende tamén aos concellos de Cervantes, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro ou Navia de Suarna. Dotarase dunha nova sala de observación, un box de críticos, unha consulta de enfermería e dúas de medicina -unha máis que na actualidade-.

O delegado afirmou que “o centro incorporará máis servizos, ofrecerá unha atención máis completa aos usuarios, e será aínda máis eficiente coa reforma que está a impulsar o Goberno galego para potenciar a atención primaria e o papel da enfermería”.

Neste sentido, explicou que a Xunta vén de publicar o proxecto de decreto de modificación do regulamento das áreas sanitarias e os distritos sanitarios do sistema público de saúde de Galicia. Entre outras consideracións, propón que todas as áreas sanitarias conten cunha Dirección de Atención Primaria que pasará a denominarse de Atención Primaria e Comunitaria e a depender directamente da Xerencia de cada área.

Entre as competencias da nova Dirección de Atención Primaria e Comunitaria estará xestionar a demanda de servizos sanitarios neste ámbito, garantindo o desenvolvemento das actuacións de promoción da saúde e prevención da enfermidade e fomentando a capacidade de resolución deste nivel asistencial, en coordinación cos xefes de servizo das unidades de atención primaria. Tamén supervisará a organización das axendas e realizará o seu seguimento para unha correcta xestión das prestacións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/08/2026