López Campos pon en valor a calidade das programacións culturais das festas gastronómicas
Vilanova de Arousa (Pontevedra), 6 de agosto de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, puxo en valor hoxe a calidade das programacións culturais que adoitan acompañar sempre as festas gastronómicas que se celebran en Galicia. Fíxoo, precisamente, na apertura da carpa da XXXII Festa do Mexillón e o Berberecho de Vilanova de Arousa, celebración que se estenderá ata o vindeiro domingo, “na que será a primeira edición co recoñecemento oficial de Interese Turístico Nacional”.
Acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, o titular de Cultura do Goberno galego fixo fincapé nos vencellos que o sector do mar e da cultura teñen na nosa Comunidade, “na que non se entende unha festa gastronómica sen unha programación cultural á altura da celebración”, como asegurou que é o caso deste municipio pontevedrés. Neste senso, animou a veciñanza e visitantes “a gozar e saborear ambas as dúas propostas desta cita imperdible do estío” e tamén a tirar proveito “dun verán en Galicia ateigado de propostas culturais”, en referencia á programación da Xunta, Para gustos, cultura, que conta con 3.600 actividades en máis de 200 concellos.