A Xunta executará actuacións inmediatas para corrixir a actual situación hidroecolóxica da lagoa de Baldaio e impulsará un plan integral para garantir a súa conservación a longo prazo

As consellerías de Medio Ambiente e Cambio Climático e do Mar consensúan unha proposta de protocolo de actuación que trasladaron tamén ao Concello de Carballo co fin de establecer un marco de colaboración entre as administracións implicadas

A principal actuación prevista a curto prazo é a apertura da canle estuarina co fin de devolverlle a súa funcionalidade, favorecer a circulación da auga e restablecer a conexión ecolóxica entre a lagoa e o medio mariño

Crearase unha comisión técnica de seguimento para colaborar na elaboración dunha proposta global de intervención e xestión do espazo que garanta a conservación favorable do espazo natural e a continuidade da actividade marisqueira

Ángeles Vázquez dirixiuse tamén ao Goberno central para que, a través da Demarcación de Costas do Estado, proceda á reparación do espigón existente e elabore un estudo sobre a dinámica litoral da praia

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2026

A Xunta de Galicia acordou impulsar actuacións inmediatas na lagoa de Baldaio, en Carballo, para corrixir a situación hidroecolóxica actual deste espazo natural e avanzar na definición dunha solución estable que garanta a súa conservación e compatibilice a protección ambiental coas actividades tradicionais vinculadas a este ecosistema, como é a marisqueira.

Con este obxectivo, as consellerías de Medio Ambiente e Cambio Climático e do Mar consensuaron unha proposta de protocolo de actuación que xa foi trasladada ao Concello de Carballo para a súa valoración e posible adhesión, co fin de establecer un marco de colaboración entre todas as administracións implicadas.

O protocolo establece que a Consellería do Mar achegará os medios materiais necesarios para executar as actuacións puntuais, de emerxencia e inmediatas co fin de corrixir a situación hidrolóxica actual. Farao de acordo coas especificacións técnicas da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que coordinará e autorizará estas actuacións.

Pola súa banda, a participación do Concello de Carballo articúlase no marco das súas competencias sobre a xestión, conservación e ordenación dos bens de uso público, así como de protección do medio ambiente urbano e da salubridade pública. Comprométese así a adoptar todas as medidas necesarias para colaborar e facilitar o desenvolvemento dos traballos previstos, en especial desde o punto de vista operativo e loxístico.

Esta iniciativa parte da necesidade de dar unha resposta coordinada á situación que presenta actualmente a zona húmida Marismas de Baldaio, un enclave integrado na Rede Natura 2000 e na Rede Galega de Espazos Naturais Protexidos no que a perda da conexión natural co mar está a provocar unha importante deterioración das condicións ambientais.

En concreto, o peche reiterado da canle de comunicación co océano dificulta a renovación da auga da lagoa, favorece episodios de anoxia e incrementa de forma significativa a temperatura da auga, o cal compromete tanto o estado de conservación dos hábitats e especies presentes neste espazo como a viabilidade da actividade marisqueira, así como as condicións adecuadas de salubridade.

Neste contexto, a proposta acordada polas dúas consellerías recolle as actuacións que, de carácter inmediato, estarán destinadas a recuperar a funcionalidade da canle estuarina e restablecer a conexión ecolóxica entre a lagoa e o medio mariño. Así, recuperarase a canle entre o aliviadoiro e a praia a través dun deseño adaptado á dinámica natural do sistema para favorecer a circulación da auga.

A apertura da canle executarase coincidindo coa baixamar para aproveitar a propia dinámica mareal e favorecer a recuperación do intercambio natural da auga. Ademais, durante a execución dos traballos, adoptaranse as preceptivas medidas de seguridade e limitarase o tránsito de maquinaria ás áreas estritamente necesarias para minimizar a afección sobre os hábitats e as especies protexidas.

Aparte destas actuacións urxentes, o protocolo aposta tamén por abordar o futuro da lagoa desde unha perspectiva integral e a longo prazo. Para iso, prevese a creación dunha comisión técnica de seguimento –integrada por representantes das consellerías de Medio Ambiente e Cambio Climático e do Mar, do Concello de Carballo e da Demarcación de Costas do Estado– co obxectivo de compartir a información técnica dispoñible e colaborar na elaboración dunha proposta global de intervención e xestión da zona húmida.

Así, o futuro plan establecerá as actuacións necesarias para garantir un estado de conservación favorable dos hábitats e das especies, asegurar a continuidade dos aproveitamentos marisqueiros tradicionais e propiciar un uso compatible e sustentable deste espazo natural de referencia na costa galega.

Implicación da Demarcación de Costas do Estado

De forma complementaria ao previsto na proposta de protocolo de actuación da Xunta,, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, vén de dirixirse tamén ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para solicitar a súa implicación na recuperación da lagoa tendo en conta que a súa situación actual non pode explicarse unicamente por procesos naturais, senón tamén por distintas actuacións realizadas ao longo das últimas décadas sobre o dominio público marítimo-terrestre, competencia da Administración Xeral do Estado.

A través dunha carta, a responsable do Goberno galego traslada á ministra os compromisos asumidos pola Demarcación de Costas do Estado de Galicia durante unha reunión técnica celebrada o pasado 28 de xullo e insta ao departamento a impulsalos coa maior brevidade posible. Entre esas actuacións incluiríanse a reparación do espigón existente e a elaboración dun estudo específico sobre a dinámica litoral da praia de Baldaio co obxectivo de coñecer con maior precisión o comportamento sedimentario deste sistema costeiro e definir solucións estables e duradeiras.

Data de actualización: 06/08/2026