Belén do Campo supervisa o avance das obras de rehabilitación integral do CIFP Ánxel Casal nas que a Xunta inviste preto de 2,5M€

As obras continúan a bo ritmo e están nun grao de execución do 23% cun investimento certificado de case 600.000€ coa previsión de que rematen antes de finais de ano

A intervención inclúe a renovación da cuberta, a instalación dun sistema de illamento térmico exterior SATE e a substitución de 257 ventás e melloras interiores en iluminación e falsos teitos

A representante do Goberno autonómico galego destacou o compromiso da Xunta coa mellora continua dos centros educativos públicos, subliñando que “investir na calidade das infraestruturas educativas é investir no benestar do alumnado e do profesorado”

A Coruña, 7 de agosto de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou esta mañá, o CIFP Anxel Casal, no  que se están levando unhas obras de rehabilitación integral do edificio co obxectivo de seguir renovando as infraestruturas educativas e ofrecer espazos máis seguros, funcionais, inclusivos e sostibles para toda a comunidade educativa. Esta actuación supón un investimento de case 2,5 millóns de euros.

A representante do Goberno galego destacou o compromiso da Xunta coa mellora continua dos centros educativos públicos, subliñando que “investir na calidade das infraestruturas educativas é investir no benestar do alumnado e do profesorado, así como nun ensino público de maior calidade”.

Este centro incrementará os alumnos polo que contará no curso 26/27 con ao redor de 2.700 estudiantes, destacando que é un centro de referencia e forma parte da rede de excelencia de España pola súa especialización na formación profesional do ámbito sanitario. Neste senso, apuntou que a súa oferta en Formación Profesional é de 45 cursos dos que 27 corresponden á rama de Sanidade en especialidades como coidados auxiliares de enfermería, audioloxía protésica, hixiene bucodental, ou emerxencias sanitarias, entre outros. Ademais, ofertan cursos para persoas desempregadas e participan en programas como Plambe, Radio na Biblio, Plan de Igualdade ou Plan de Convivencia, entre outros,

A delegada territorial salientou que “o CIFP Ánxel Casal é un dos centros de Formación Profesional máis importantes de Galicia e esta actuación permitirá adecuar as súas instalacións ao nivel de excelencia da formación que aquí se imparte”.

Durante a visita, Belén do Campo estivo acompañada por responsables da obra e do centro. A representante autonómica comprobou a evolución dos traballos, executados pola empresa IAM Rumbo Instalaciones y Obras, S.L., que alcanzan xa un 23 % de execución, o que se traduce nun investimento certificado de case 600.000 euros. A previsión é que a actuación estea rematada a finais deste ano.

A actuación consistirá na renovación da cuberta e na mellora das fachadas para reforzar a protección do edificio fronte ao ambiente mariño. Cambiarase toda a cuberta con novos paneis illantes adaptados ás necesidades de cada zona, repararanse os canlóns de formigón e instalaranse novos canalóns exteriores de aceiro inoxidable. Ademais, renovarase o illamento das fachadas co sistema SATE e repararanse as zonas máis deterioradas do edificio de talleres.

Tamén se melloran as carpinterías, renovando 257 ventás. Trátase dun centro moi grande, polo que a superficie de fiestras e portas alcanza os 6.853 metros cadrados. Tamén está previsto o cambio de persianas. Igualmente acometeranse os traballos de pintura interior, necesarios porque ao cambiar as ventás sempre hai pequenas afeccións; instalaranse falsos tabiques de pladur para tapar persianas novas e axustar os ocos.

Con estas tres actuacións, toda a envolvente do edificio quedará rehabilitada, protexida e renovada. A medida completarase con melloras interiores, sobre todo de iluminación. O centro xa fora renovando algunhas zonas con LED e agora cambiarase o resto para que toda a iluminación sexa LED.

Co remate das obras, previsto para finais deste ano, o CIFP Ánxel Casal contará cunha envolvente completamente renovada, mellorando a súa protección fronte ás condicións climáticas, reducindo a demanda enerxética e incrementando o confort das preto de 3.000 persoas que desenvolven diariamente a súa actividade neste centro de referencia da Formación Profesional galega.

Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

 “Neste momento temos en marcha este veránna cidade catro grandes actuacións por importe de máis de 4,6 M€, como son a rehabilitación integral do Centro Integrado de FP Ánxel Casal–Monte Alto (2,5 M€), e os cambios de cuberta do Instituto Ramón Menéndez Pidal (941.000€) e do Colexio Sal Lence (234.000 €)”, CIFP Imaxe a Son (926.720 euros) lembrou a delegada. Ademais, estanse a preparar proxectos para outras nove intervencións.

A representante da Xunta destacou que este plan supón unha transformación progresiva dos centros educativos galegos para convertelos en espazos máis confortables, sostibles e preparados para afrontar os retos do futuro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/08/2026