O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, comprobou o avance das actuacións, financiadas ao 50% polas axudas a proxectos estratéxicos municipais

A Xunta impulsa no Porto do Son a modernización do complexo deportivo da Tarela cun investimento de máis de 390.000 euros

As intervencións céntranse na ampliación do ximnasio da piscina municipal e a construción dun novo aparcadoiro con 110 prazas

A orde de axudas deste ano incrementa o orzamento ata os 10M€ no marco das achegas do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local

O Porto do Son (A Coruña), 7 de agosto de 2026

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, comprobou hoxe no Porto do Son o avance das obras da primeira fase de remodelación do complexo deportivo da Tarela, unha actuación apoiada pola Xunta ao abeiro da convocatoria de 2025 para proxectos estratéxicos do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local. O Goberno galego achega máis de 392.000 euros, o 50% do investimento total, que supera os 784.000 euros.

Esta primeira fase da actuación comprende a ampliación do ximnasio da piscina municipal e a construción dun novo aparcadoiro con 110 prazas. A ampliación permitirá responder á crecente demanda das persoas usuarias cun espazo máis amplo e funcional, mentres que o novo estacionamento dará servizo tanto ás instalacións actuais como ao futuro pavillón multiúsos previsto no complexo.

Co apoio da Xunta, iníciase a remodelación do complexo deportivo da Tarela, encamiñada a dotar O Porto do Son dun equipamento deportivo de referencia para as comarcas do Barbanza e de Noia. Ademais de favorecer a práctica deportiva, as novas instalacións reforzarán este espazo como lugar de encontro e convivencia para a veciñanza.

Segundo salientou Diego Calvo, a actuación forma parte da vintena de proxectos de carácter estratéxico apoiados pola Xunta na convocatoria de 2025, que se suman a outros 20 financiados o exercicio anterior. En cada unha destas dúas convocatorias destináronse máis de 8 millóns de euros, cun investimento acumulado superior aos 16 millóns en case 40 proxectos estratéxicos impulsados nos concellos galegos. A consolidación desta liña levou ao Goberno galego a incrementar este ano a súa dotación ata os 10 millóns de euros.

A iniciativa enmárcase no compromiso prioritario da Xunta co apoio ás entidades locais. Así, só o ano pasado as achegas do Goberno galego permitiron impulsar preto dun milleiro de proxectos en practicamente todos os concellos de Galicia a través das distintas liñas específicas de colaboración. No caso do Porto do Son, os investimentos da Xunta destinados ao municipio nos últimos anos a través destas convocatorias superan os 3,1 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/08/2026