Mar avanza na integración entre o porto de Malpica e a vila coa instalación dunha marquesiña pública para desfrute da veciñanza

A conselleira, Marta Villaverde, visitou as obras executadas que responden á petición da cidadanía para habilitar unha zona resgardada ante as inclemencias meteorolóxicas

Malpica de Bergantiños (A Coruña), 7 de agosto de 2026

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de avanzar na integración entre o porto de Malpica e o conxunto da vila coa instalación dunha marquesiña pública na zona portuaria para desfrute da veciñanza. A titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, visitou esta mañá a zona para detallar esta actuación que dá resposta á petición da veciñanza.

Villaverde, que estivo acompañada pola presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana, explicou que esta nova infraestrutura non só proporciona resgardo fronte ás inclemencias meteorolóxicas ás persoas que transitan polo porto senón que contribúe tamén á ordenación do propio solo portuario. Non en van favorece a estancia confortable e segura dos peóns neste punto minimizando o tránsito peonil polo interior do peirao.

A actuación executada mellora a accesibilidade e confort dos usuarios, con especial atención ás persoas xubiladas, que presentan unha maior vulnerabilidade fronte ás inclemencias meteorolóxicas.

A conselleira subliñou que se trata dunha actuación de baixo impacto construtivo e elevado interese social, aliñada cos principios de accesibilidade universal, seguridade, integración porto-cidade e fomento do uso social do porto como espazo de convivencia e esparexemento. Canto ás súas características técnicas, a marquesiña ten 9 metros de longo por 2,5 de ancho e o investimento na construción e instalación foi de 25.000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/08/2026