A Xunta lanza unha guía de boas prácticas co fin de reducir a presenza de residuos nos areais galegos

Baixo o lema Que o único que quede na praia sexa o teu nome escrito na área, a empresa pública Sogama impulsa esta iniciativa de concienciación cidadá para protexer este tipo de espazos naturais e contribuír á conservación dos ecosistemas costeiros

O 80% do lixo mariño procede de terra de aí a importancia de impulsar medidas que eviten o abandono de residuos nas praias e fomenten hábitos responsables

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2026

A Xunta de Galicia, a través da empresa pública Sogama, acaba de lanzar unha guía de boas prácticas co obxectivo de reducir a presenza de residuos nos areais galegos nesta época do ano e contribuír, deste xeito, a protexer e manter os ecosistemas costeiros.

Baixo o lema Que o único que quede na praia sexa o teu nome escrito na área, a campaña propón unha serie de recomendacións e consellos, estruturados arredor de tres momentos clave: a planificación da visita, o comportamento na praia e a recollida.

En concreto, a nova guía —que está dispoñible para a súa descarga e consulta na páxina web de Sogama— incide na importancia da prevención, pensando sempre á hora de planificar un día de praia en reducir a xeración de residuos con accións como, por exemplo, primar o uso de produtos reutilizables, evitar envoltorios plásticos innecesarios, empregar bolsas de tea ou escoller cosmética biodegradable e protectores solares respectuosos co medio mariño, entre outras.

Durante a visita ao areal, tamén fai fincapé en que a prioridade é evitar que os residuos acaben dispersos polo vento, recoller os restos orgánicos, utilizar as duchas públicas sen utilizar xabón e respectar a biodiversidade, evitando extraer especies, danar as dunas ou levar para a casa cunchas, pedras ou outros elementos naturais que cumpren unha importante función ecolóxica.

Por último, antes de abandonar o areal e co obxectivo de non deixar ningún tipo de pegada no mesmo, a guía anima a revisar a contorna para non esquecer pequenos residuos, separar correctamente o lixo nos contedores correspondentes ou ben gardalo ata atopar algún. Ademais, propón colaborar activamente na limpeza da praia recollendo polo menos tres residuos plásticos no camiño de saída. Tamén recomenda limpar na casa todo o material empregado para evitar a propagación de especies invasoras microscópicas.

Impacto nas praias e nos mares

Evitar o abandono de residuos e adoptar hábitos responsables é unha das medidas máis eficaces para conservar o patrimonio natural e garantir que as praias sigan sendo espazos seguros, saudables e sostibles tanto no presente como de cara ao futuro, de aí a importancia deste tipo de campañas e accións de sensibilización.

A acumulación de residuos nos areais pola actividade humana poder xerar graves problemas ambientais, xa que alteran os ecosistemas costeiros, poñen en risco a biodiversidade e ameazan a saúde de usuarios e bañistas. Ademais, o 80% do lixo mariño procede de terra firme. Materiais como plásticos, cabichas e envases ensucian a paisaxe e contamínano ao liberar substancias tóxicas ao degradarse.

Entre as principais consecuencias destacan a presenza de microplásticos na cadea alimentaria, a morte de fauna mariña por inxestión ou asfixia, a degradación dos hábitats naturais, os riscos para os bañistas pola presenza de residuos perigosos e as perdas económicas derivadas da diminución de actividades ligadas ao mar ou a estes espazos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/08/2026