A Xunta publica a orde de axudas a entidades sen ánimo de lucro que contraten vítimas de violencia de xénero

O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle hoxe as bases que regulan a concesión destas achegas

Destínanse 600.000 euros a este programa que facilitou a inserción laboral de 130 mulleres nos últimos cinco anos

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2026

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde de subvencións destinadas ao fomento da contratación, por parte de entidades sen ánimo de lucro, de mulleres que sofren violencia de xénero. O Executivo autonómico destina 600.000 euros entre este ano e o 2027 a esta convocatoria que ten por obxecto mellorar e facilitar a inserción laboral destas mulleres.

A través destas achegas, o Goberno galego dá continuidade a súa aposta polo emprego como factor clave para que as vítimas de malos tratos acaden unha maior autonomía mediante a súa independencia económica e reforzando, ao mesmo tempo, as posibilidades dunha inserción laboral estable.

As entidades interesadas en acollerse a estas achegas teñen de prazo un mes para presentar as solicitudes. Dito prazo comezará a computar transcorridos cinco días hábiles contados desde o día seguinte á publicación da orde no DOG. As solicitudes teñen que cursarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Desde o ano 2021, a través desta orde de axudas, un total de 80 entidades sen ánimo de lucro resultaron beneficiadas e facilitaron a inserción laboral de 130 vítimas de violencia de xénero. Esta nova convocatoria está cofinanciada nun 60% pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027.

Data de actualización: 10/08/2026