A Consellería de Educación recoñece a excelencia de 480 universitarios cos premios Ángela Ruiz Robles

Diríxense ao alumnado con mellores notas de cada curso de grao, agás o último, e teñen unha dotación económica de ata 1.600€ e un diploma acreditativo

Dos galardoados 183 estudan na USC, 144 na UVigo, 131 na UDC e 22 na UIE

Un total de 15 alumnos obtiveron a máxima cualificación de 10 puntos

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2026

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vén de recoñecer a excelencia de 480 estudantes de grao do Sistema Universitario de Galicia cos Premios Ángela Ruiz Robles. Os galardóns, dirixidos ao alumnado con mellores notas de cada curso de grao –agás o último, no que se conceden os Premios de fin de carreira–, teñen unha dotación económica de ata 1.600€ e concédense a proposta das universidades galegas.

Segundo publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, 183 dos premiados estudan na Universidade de Santiago de Compostela, 144 na Universidade de Vigo, 131 na Universidade da Coruña e 22 na Universidad Intercontinental de la Empresa. O 63% das premiadas nesta ocasión son mulleres e o 37%, homes. Os galardóns correspóndense coas cualificacións do curso 2024/25.

No que atinxe ás ramas de coñecemento, Ciencias Sociais e Xurídicas é a que conta con maior número de persoas galardoadas, un total de 216 (45%); seguida de Enxeñaría e Arquitectura, con 97 (20%); Ciencias da Saúde, con 63 (13%); Artes e Humanidades, con 54 (11%), Ciencias, con 50 premiados (11%).

Mellores cualificacións

En canto ás mellores cualificacións, na USC a máxima cualificación é un 10, que obteñen sete alumnos: dous do grao en Medicina, un en Matemáticas, un en Comunicación Audiovisual, un en Psicoloxía, un en Xornalismo e un no dobre grao en Mestre de Educación Infantil e de Educación Primaria.

Na Universidade de Vigo acadaron o 10 oito alumnos, dous no grao en Educación Primaria, dous do de Publicidade e Relacións Públicas, dous no de Ciencias da Actividade Física e do Deportes, un no de Educación Infantil e un no programa de simultaneidade dos graos en Administración e Dirección de Empresas e en Enxeñaría Informática.

No caso da Universidade da Coruña, a nota máxima é un 9,9 no grao en Relacións Internacionais; mentres que na Universidade Intercontinental de la Empresa é un 9,5 no grao en Administración e Dirección de Empresas.

Para optar ao recoñecemento, o alumnado debía ter no curso unha nota media igual ou superior a oito puntos e ter superado a totalidade dos créditos matriculados, que como mínimo serán 60. Cada galardoado recibe unha contía base de 1.100€ e, no caso de existir remanente as persoas premiadas que teñan unha nota media igual ou superior a 9 recibirán unha contía complementaria de 500 euros, comezando desde os expedientes con maior nota media ata esgotar o orzamento. Nesta ocasión reciben a contía completa de 1.600€ un total de 236 persoas.

Referente no ensino innovador

Os galardóns reciben o nome de Ángela Ruiz Robles, mestra e exemplo de valores como o esforzo, o tesón, a excelencia, a continua aprendizaxe e a vocación de servizo. Ademais, en 1949 inventou e rexistrou a patente da enciclopedia mecánica, que está considerada o antecedente do libro electrónico.

Nada no ano 1895 en Villamanín (León), Ángela Ruiz Robles trasladouse en 1918 a Ferrol. Foi docente e directora de varias escolas, como a de nenas no Hospicio de Ferrol ou o Instituto Ibáñez Martín. Así mesmo, fundou a Academia Elmaca na que desenvolveu un labor pedagóxico e social que lle valeu a concesión en 1947 da Cruz de Alfonso X o Sabio, por accións como impartir clases nocturnas gratuítas ás persoas con poucos recursos.

Data de actualización: 11/08/2026