A Xunta promove coas bolsas BEME 2026 o retorno de preto de 250 persoas mozas do exterior que realizarán mestrados nas universidades galegas
As Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior -BEME-, cunha dotación económica que pode alcanzar os 12.500 euros, están destinadas a cubrir gastos de matrícula, desprazamento, aloxamento e manutención durante o período académico en Galicia
En canto á distribución das persoas beneficiarias por universidades, 111 estudantes realizarán os seus mestrados na Universidade de Vigo, 95 na Universidade de Santiago de Compostela e 43 na Universidade da Coruña
En total, desde 2017 e con esta convocatoria de 2026, lévanse beneficiado desta iniciativa arredor de 2.000 mozas e mozos procedentes de máis de 40 países
Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2026.
A Secretaría Xeral da Emigración, dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, publicou hoxe a listaxe definitiva das preto de 250 persoas mozas galegas do exterior que cursarán un mestrado nas universidades galegas de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña, grazas ás Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior (BEME), que este ano acadan a súa décima edición.
Este programa ten como obxectivo promover o retorno da mocidade galega residente no exterior, facilitándolles a continuidade dos seus estudos de posgrao en Galicia e reforzando os vínculos coa súa terra. Das preto de 250 persoas beneficiarias, a maior parte procede de América Latina, con Arxentina á cabeza cun total de 94 estudantes; seguida de Brasil con 37, Cuba con 31, Uruguai e Venezuela con 26 e México con 9, entre outros países.
Outros 16 estudantes proceden de Europa, de países como Alemaña, Bélxica, Francia, Irlanda, Italia, Países Baixos, Portugal e Reino Unido e un estudante de Oceanía, especificamente de Nova Zelandia. En canto á distribución por universidades, 111 estudantes cursarán os seus estudos na Universidade de Vigo, 95 na Universidade de Santiago de Compostela e 43 na Universidade da Coruña.
As BEME
As bolsas BEME teñen unha contía económica que varía entre 8.000 e 12.500 euros, dependendo da procedencia xeográfica das persoas beneficiarias e do número de créditos a realizar e destínanse a cubrir gastos como matrícula, viaxes, aloxamento e manutención durante o período académico en Galicia.
Enmárcanse na Estratexia Galicia Retorna, que conta con máis de 100 medidas destinadas a facilitar o regreso e a integración plena de persoas retornadas. Entre elas, as cinco oficinas físicas de atención ao retorno en Galicia, unha oficina móbil que percorre o rural galego, e o acompañamento previo ao regreso a través das delegacións no exterior e os centros galegos.
No 2025-2026 accederon a estas bolsas outras 250 persoas mozas para estudar máis de 90 mestrados diferentes nas tres universidades públicas galegas. En total, desde 2017 e con esta convocatoria de 2026 lévanse beneficiado das bolsas BEME arredor de 2.000 mozas e mozos procedentes de máis de 40 países.
En relación aos resultados do programa, destaca que preto do 80% dos bolseiros -cunha idade media de 29 anos- deciden quedarse en Galicia, máis do 60% atopan emprego e o 90% recomenda a experiencia.