O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o presidente da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), Anxo Queiruga, asinaron o novo acordo de colaboración
A Xunta incrementa ata os 196.800€ a colaboración con Cogami co obxectivo de mellorar a calidade de vida de preto dun milleiro pacientes con enfermidades crónicas
A Consellería de Sanidade incrementa a partida económica nun 20 % respecto do ano anterior
Cun programa innovador, as persoas beneficiarias poderán ter un mellor coñecemento da súa patoloxía e dos tratamentos dispoñibles
Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, asinou un novo acordo de colaboración co presidente da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), polo que a Xunta destina 196.800 euros para o desenvolvemento dun programa de apoio que permitirá mellorar a calidade de vida dun milleiro de pacientes con enfermidades raras.
A Consellería de Sanidade incrementa nun 20 % respecto do ano anterior a partida económica deste convenio, en cuxo acto de sinatura tamén estivo presente a secretaria xeral técnica da Consellería, Natalia Lobato.
O programa baséase na prestación dos tratamentos e técnicas máis axeitadas para cada patoloxía e persoa, en función do seu grao de afectación e evolución da enfermidade.
Así, estrutúrase ao redor de seis liñas de actuación que inclúen apoio, orientación e información sobre a enfermidade; recuperación físico-funcional; terapia ocupacional; recuperación logopédica e apoio psicolóxico.
Tamén se prevén outros servizos especializados como nutrición, actividade física adaptada ou piscina terapéutica, segundo as necesidades de cada patoloxía.
En concreto, as ditas actividades beneficiarán preto dun milleiro de persoas afectadas de hemofilia, coagulopatías conxénitas, esclerose múltiple, patoloxías reumáticas, párkinson, patoloxías do ril, Crohn e colite ulcerosa, fibromialxia, fatiga crónica, fibrose quística, enfermidades neuromusculares, patoloxías vasculares, linfedema e lipedema, entre outras. Así mesmo, incluirá a persoas afectadas por transplantes medulares.
Cun contido innovador, a colaboración entre a Consellería de Sanidade e Cogami permitirá que as persoas beneficiarias poidan ter un mellor coñecemento da súa patoloxía e os tratamentos dispoñibles, incrementando a súa calidade de vida e sensación de control sobre a súa enfermidade.
Estas actuacións levaranse a cabo a través das 19 asociacións de discapacidade orgánica integradas en Cogami, achegando un equipo multidisciplinar de persoal profesional con formación e experiencia na materia que desenvolva a metodoloxía que se vai empregar.