A Xunta inicia mañá os traballos para reabrir a lagoa de Baldaio e restaurar o intercambio natural de auga entre o humidal e o medio mariño

As actuacións comezarán coincidindo coa baixamar para aproveitar a propia dinámica das mareas e buscan retirar o tapón de area existente co fin de que a canle estuarina recupere a súa funcionalidade na gradación do fluxo entre a lagoa e o mar

Durante a execución dos traballos, adoptaranse as preceptivas medidas de seguridade e limitarase o tránsito de maquinaria ás áreas estritamente necesarias para minimizar a afección sobre os hábitats e as especies protexidas

As consellerías de Medio Ambiente e Cambio Climático e do Mar e o Concello de Carballo asinaron recentemente un protocolo de actuación co fin de corrixir a situación hidroecolóxica actual deste espazo natural e avanzar na definición dunha solución estable para a súa conservación presente e futura

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2026

A Xunta de Galicia comezará a actuar mañá na lagoa de Baldaio, no concello de Carballo, co fin de restaurar o intercambio natural de auga entre o humidal e o medio mariño.

Os traballos, que se iniciarán coincidindo coa baixamar para aproveitar a propia dinámica das mareas e que dependerán en boa medida das condicións meteorolóxicas e marítimas da zona, buscan retirar o tapón de area existente co obxectivo de que a canle estuarina recupere a súa funcionalidade e se restableza a conexión natural entre a lagoa e o mar.

Nunha primeira fase, a maquinaria rebaixará a acumulación de area existente na zona da canle para crear unha pendente que facilite a saída progresiva da auga. Posteriormente, completarase a apertura da canle ata acadar a profundidade necesaria para favorecer un fluxo gradual entre a lagoa e o mar.

Durante a execución dos traballos, adoptaranse as preceptivas medidas de seguridade e limitarase o tránsito de maquinaria ás áreas estritamente necesarias para minimizar a afección sobre os hábitats e as especies protexidas.

Esta actuación é o resultado do protocolo asinado recentemente polas consellerías de Medio Ambiente e Cambio Climático e do Mar e o Concello de Carballo co fin de corrixir a situación hidroecolóxica actual deste espazo natural e avanzar na definición dunha solución estable para a súa conservación presente e futura.

Tal e como establece ese protocolo, a Consellería do Mar achega os medios materiais necesarios para executar as actuacións puntuais, de emerxencia e inmediatas que se inician mañá co fin de corrixir a situación hidrolóxica actual. Faino de acordo coas especificacións técnicas da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que autorizou e coordina estas actuacións.

O Concello de Carballo, pola súa banda, comprometeuse a adoptar todas as medidas necesarias para colaborar no marco das súas competencias e facilitar o desenvolvemento dos traballos previstos, en especial desde o punto de vista operativo e loxístico.

Un plan integral e a longo prazo para a xestión do espazo

Esta iniciativa parte da necesidade de dar unha resposta coordinada á situación que presenta actualmente a zona húmida Marismas de Baldaio, un enclave integrado na Rede Natura 2000 e na Rede Galega de Espazos Naturais Protexidos no que a perda da conexión natural co mar está a provocar unha importante deterioración das condicións ambientais.

En concreto, o peche reiterado da canle de comunicación co océano dificulta a renovación da auga da lagoa, favorece episodios de anoxia e incrementa de forma significativa a temperatura da auga, o cal compromete tanto o estado de conservación dos hábitats e especies presentes neste espazo como a viabilidade da actividade marisqueira, así como as condicións adecuadas de salubridade.

Neste contexto, a proposta acordada pola Xunta e o Concello de Carballo non só recolle estas actuacións urxentes, senón que tamén aposta por abordar o futuro da lagoa desde unha perspectiva integral e a longo prazo a través dunha comisión técnica de seguimento na que as distintas administracións implicadas colaborarán na elaboración dunha proposta global de intervención e xestión.

Así, o futuro plan establecerá as actuacións necesarias para garantir un estado de conservación favorable dos hábitats e das especies, asegurar a continuidade dos aproveitamentos marisqueiros tradicionais e propiciar un uso compatible e sustentable deste espazo natural de referencia na costa galega.

Data de actualización: 12/08/2026