Medio rural e a Brilat avalían o inicio da Operación Centinela de vixilancia dos montes galegos fronte aos incendios forestais

O director xeral de Defensa do Monte recibiu no Centro de Coordinación Central de San Lázaro ao xeneral de brigada Andrés González, como 'Jefe de la Fuerza Galicia' (JEFZA Galicia)

A operación iniciouse o pasado luns, 10 de agosto, e supón o despregamento dun total de 35 patrullas terrestres e dous equipos de mantemento móbil polo territorio galego ata o vindeiro 25 de setembro

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2026

O director xeral de Defensa do Monte da Consellería do Medio Rural, Manuel Francisco, recibiu no Centro de Coordinación Central de San Lázaro ao xeneral de brigada Andrés González, como Jefe de la Fuerza Galicia (JEFZA Galicia) da Operación Centinela, para avaliar o inicio desta misión de vixilancia dos montes galegos fronte aos incendios forestais.

Esta operación iniciouse o pasado luns, 10 de agosto, co despregamento dun total de 35 patrullas terrestres e dous equipos de mantemento móbil polo territorio galego e estará operativa ata o vindeiro 25 de setembro. O obxectivo desta colaboración é reforzar a vixilancia e a identificación dos potenciais causantes deste incendios, ao tempo que se busca que a propia presenza dos militares no monte disuada aos posibles responsables de prácticas delituosas.

Deste xeito, a Consellería do Medio Rural asinou un convenio co Ministerio de Defensa para poder favorecer este despregamento que, este ano, se adiantou cinco días con respecto ao ano anterior. Ademais, a operación conta cun investimento por parte da Administración autonómica de preto de 594.000 euros e contempla a posibilidade de que as patrullas poidan realizar vixilancia aérea complementaria mediante unidades de dron no caso de ser necesario.

Centro de Coordinación Central

Esta xuntanza serviu tamén para que o xeneral de brigada Gónzalez puidese coñecer as instalacións do Centro de Coordinación Central, así como a estrutura organizativa da loita contra os lumes na comunidade, así como as diferentes aplicacións informáticas que se empregan nas tarefas de prevención e extinción de incendios.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/08/2026