A Xunta destaca en Vilasantar a función dos CIM móbiles como un recurso fundamental para as mulleres do rural galego
O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, visitou este servizo, que percorre os concellos das catro provincias galegas
Vilasantar (A Coruña), 13 de agosto de 2026
O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, visitou esta mañá o Centro de Información á Muller (CIM) móbil de Vilasantar, que definiu como un recurso fundamental para asesorar e acompañar as mulleres que viven no rural galego.
Lembrou que os CIM móbiles percorren toda a xeografía da comunidade para chegar a puntos que non dispoñen de recursos fixos destas características, co obxectivo de sensibilizar e concienciar á poboación para combater as desigualdades e as violencias contra as mulleres.
Roberto Barba destacou que xa nos seus primeiros meses en funcionamento este servizo consolidouse como esencial para atender consultas relacionadas coa xestión emocional ou os vínculos afectivos, así como para identificar patróns de alerta ante posibles agresións machistas.
Outro dos aspectos que reafirma a boa acollida deste recurso é que a maioría dos concellos nos que estivo presente solicitaron novas visitas despois da primeira.
Os CIM móbiles ofrecen unha atención integral e multidisciplinar, resumiu o director xeral, imprescindible tanto no ámbito rural como no universitario, no que tamén ofrecen servizo.