A ampliación da residencia de maiores de Boimorto financiada pola Xunta entra na súa recta final
O Goberno galego investiu 500.000 euros de fondos europeos nesta actuación, coa que se dotará a este centro municipal de 14 novas prazas
Boimorto (A Coruña), 15 de agosto do 2026.
O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou recentemente as obras de reforma da residencia de maiores de Boimorto, que están a piques de rematar. A Xunta destina 500.000 euros a esta actuación, unha das postas en marcha en toda Galicia a través do Plan de investimentos para a construción, reforma e ampliación de equipamentos sociais de titularidade municipal.
Con este investimento, que supón o 80% do custe total das obras, o centro residencial contará con 14 novas prazas novas para sumar un total de 53. Estas novas prazas repártense entre cinco habitacións dobres e catro individuais. Os orzamento total dos traballos de reforma do equipamento superan os 600.000 euros.
Perfecto Rodríguez, que durante a visita estivo acompañado da alcaldesa do concello, María Jesús Novo, explicou que o Goberno galego porá en marcha a través do Plan de investimentos máis de 700 novas prazas públicas en 24 residencias e centros de día. O xerente enmarcou estas actuacións no obxectivo da Xunta de garantir a mellor atención ás persoas maiores preto das súas casas.
O Plan de investimentos está dotado de 18,5 millóns de euros de fondos europeos do Mecanismo de Recuperación, Transformación e Resiliencia (MRR) e foi acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). As obras financiadas con este plan inclúen residencias, centros de día, vivendas comunitarias e centros sociais.