A Xunta asesorou este ano a 12.000 mozos e mozas sobre relacións, diversidade e igualdade a través dos centros Quérote+
No primeiro semestre, atendeu 2.500 consultas e realizou obradoiros nos que participaron preto de 7.200 alumnos de Secundaria
O servizo, dependente das direccións xerais de Promoción da Igualdade e de Loita contra a Violencia de Xénero, cumpre 20 anos de actividade
Santiago de Compostela, 16 de agosto de 2026.
A Xunta, a través dos centros Quérote+, atendeu no primeiro semestre deste ano as consultas sobre relacións afectivas e igualdade de arredor de 12.000 mozos e mozas.
O obxectivo dos centros Quérote+ é servir como recurso de asesoramento, acompañamento e apoio á xuventude, ás familias e a profesionais, no eido da sexualidade, a promoción da diversidade sexual, o benestar emocional, a promoción do bo trato e a prevención e loita contra a violencia de xénero. Deste xeito, o servizo aséntase en tres áreas: a de información e acompañamento, a formativa e a de participación.
No eido do asesoramento, a través das diferentes canles de comunicación a dispor dos usuarios (presencial, telefónica, en liña mensaxaría instantánea e videochamada), estes centros dependentes da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade e da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero atenderon no primeiro semestre deste ano 2.500 consultas, a maioría relativas á diversidade sexual, as relacións afectivo-amorosas e a xestión emocional.
Dentro da área formativa, entre xaneiro e xuño deste ano, os centros Quérote+ realizaron preto de 340 obradoiros sobre sexualidade, benestar emocional, igualdade e prevención da violencia de xénero nos que participaron case 7.200 alumnos de 3º da ESO, FP Básica e 1º de Bacharelato. A isto únese a oferta para familias e para profesionais. O cómputo total son 387 accións formativas, cun impacto que ascende a un total de máis de 8.100 persoas beneficiarias das diferentes formacións.
A participación é o terceiro piar que da estrutura a este servizo do Goberno galego e nel inclúense as actividades de presentación e difusión, presencia en congresos e xornadas, así como mesas informativas e campañas de sensibilización. En total esta área tivo un alcance de 1.100 persoas nos seis primeiros meses do ano.
A Xunta impulsou o servizo Quérote+ hai vinte anos para ofrecer atención especializada á xuventude, ás familias e a profesionais que traballan no eido xuvenil. Neste tempo consolidou o seu labor grazas os cinco centros establecidos nas cidades de A Coruña, Lugo, Ourense, Vigo e Santiago de Compostela.