O director de Augas de Galicia presidiu hoxe unha reunión telemática con representantes dos concellos de Bueu, Marín, Poio, Pontecaldelas, Pontevedra, Sanxenxo e Vilaboa
A Xunta pon en valor o acordo municipal para a constitución da comisión xestora que creará a mancomunidade de abastecemento no sistema do Lérez
Roi Fernández salienta que a nova estrutura permitirá ordenar a xestión dun recurso compartido e avanzar na regularización e ampliación da concesión de abastecemento
Unha vez designados hoxe os representantes municipais de cada concello na comisión, ofrece a colaboración do Goberno galego para avanzar na constitución do organismo, que reforzará a capacidade de xestión en situacións de normalidade e de escaseza
Analiza tamén cos responsables municipais a situación na bacía do Lérez e as medidas que se están a adoptar tras a recente declaración da alerta por escaseza de auga
Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2026.
A Xunta de Galicia pon en valor a importancia do acordo municipal acadado hoxe entre os concellos do sistema do río Lérez para constituír unha comisión xestora que empezará a traballar na creación dunha mancomunidade de abastecemento, un organismo que permitirá anticiparse e mellorar a resiliencia do sistema ante posibles escenarios de escaseza como o actual e avanzar cara a unha xestión dos recursos hídricos máis eficiente, sostible e equitativa.
O director de Augas de Galicia, Roi Fernández, convocou esta mañá aos representantes municipais dos concellos de Bueu, Marín, Poio, Pontecaldelas, Pontevedra, Sanxenxo e Vilaboa a unha reunión telemática para abordar, precisamente, as posibles solucións aos problemas de coordinación e de xestión da auga nesta área. Un encontro no que acordaron constituír unha comisión xestora para o impulso da futura mancomunidade e designaron aos representantes de cada concello na referida comisión.
A Xunta leva anos defendendo que apostar por unha ferramenta de coordinación supramunicipal debe ser a base dun novo modelo de abastecemento máis moderno, eficaz e resiliente que o actual para os concellos da ría de Pontevedra. O obxectivo é que os concellos que comparten a captación do río Lérez dispoñan dunha estrutura estable de gobernanza que lles permita adoptar de forma coordinada as decisións necesarias para a xestión do recurso, tanto en situacións de normalidade como ante episodios de escaseza.
De feito, Roi Fernández considerou un avance importante a posta en marcha desta comisión xestora, coa participación dos sete concellos vinculados ao sistema de abastecemento da ría de Pontevedra, como primeiro paso para dotarse dunha fórmula estable de xestión conxunta do recurso. Neste sentido, salientou que a futura mancomunidade permitirá mellorar a coordinación entre os concellos e avanzar, co apoio técnico e administrativo de Augas de Galicia, na regularización e ampliación da concesión de abastecemento desde o río Lérez.
Así mesmo, ofreceu aos alcaldes e concelleiros que participaron na reunión o apoio e asesoramento técnico do Goberno galego durante todo o proceso de constitución do novo organismo supramunicipal, que considera unha peza clave para avanzar cara a un novo modelo de xestión nesta zona e reforzar a capacidade dos concellos para afrontar de forma coordinada tanto as situacións de normalidade como os episodios de escaseza.
Precisamente, nun contexto marcado nas últimas semanas en Galicia pola falta de chuvias e o descenso dos caudais nos ríos, o director de Augas de Galicia e os representantes municipais analizaron tamén durante a reunión a situación actual na bacía do río Lérez, un dos sistemas da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa nos que a Oficina Técnica da Seca acordou declarar o pasado martes a alerta por escaseza de auga.
Cómpre lembrar que esta decisión, na práctica, se traduciu xa na adopción dunha serie de medidas destinadas a conservar os recursos hidráulicos existentes nos concellos afectados. Por exemplo, a prohibición de usos prescindibles como o baldeo de rúas, o enchido de piscinas ou a rega de xardíns, sen descartar, en caso de ser preciso, posibles cortes de auga puntuais.
Así mesmo, Fernández tamén lles avanzou que a Oficina Técnica da Seca volverá reunirse dentro de aproximadamente dúas semanas co fin de avaliar a evolución da situación no sistema do Lérez e no resto da demarcación e adoptar as decisións que se estimen oportunas en aplicación do Plan da seca de Galicia-Costa.