A Xunta destina 34.000 euros a mellorar a accesibilidade da Escola de Música de Baamonde, en Begonte

O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, destacou o apoio do Goberno galego a este proxecto cultural, que implica tamén aos concellos de Rábade, Outeiro de Rei e Friol

Begonte (Lugo), 15 de agosto de 2026

A Xunta de Galicia colabora co Concello de Begonte na mellora da accesibilidade na Escola de Música de Baamonde. O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, realizou unha visita ás instalacións xunto co alcalde, José Ulla, e explicou que a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes achega 34.000 euros a través dos apoios para actuacións sobre infraestruturas de uso público en concellos de menos de 30.000 habitantes.

Villares destacou o respaldo do Goberno galego a este proxecto cultural, unha escola mancomunada de música na que tamén participan os concellos de Rábade, Outeiro de Rei e Friol e que xestiona a asociación Músico Crisanto.

Neste caso, a actuación que se sufraga consiste na execución dun pavimento de formigón pulido, a dotación de prazas de aparcadoiro e a construción dunha rampla para facilitar o acceso das persoas con problemas de mobilidade. Así mesmo, mellorouse o sistema de recollida de augas pluviais e a condución á rede de saneamento.

O centro ofrece clases individuais e grupais de canto e de distintos instrumentos, así como ensinanzas reguladas de Grao Profesional. Ademais, o alumnado pode incorporarse ás distintas agrupacións da entidade: a Banda de Música Sons e Soños,   Banda de Gaitas Sons da Chaira, Young Murajazz Big Band e o Coro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/08/2026