A Xunta mantén aberto o prazo para solicitar as axudas autonómicas para persoas con ELA

Esta iniciativa, pioneira no conxunto do país, achega 12.000 euros anuais aos afectados para sufragar os gastos derivados desta enfermidade

Santiago de Compostela, 17 de agosto de 2026

A Xunta de Galicia mantén aberto o prazo para solicitar as axudas autonómicas de 12.000 euros anuais dirixidas aos afectados por Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA). As peticións poderán facerse ata o 3 de novembro.

O Goberno galego destina 2,1 millóns de euros a esta orde de achegas, que son pioneiras no conxunto do país e que se puxeron en marcha por primeira vez no ano 2023. O obxectivo destas axudas, que son compatibles con calquera outra orde de achegas, é contribuír a sufragar os elevados custos desta enfermidade e, polo tanto, pode empregarse para a adquisición de produtos como camas articuladas, guindastres ou cadeiras de rodas, entre outros, para a contratación de servizos ou mesmo para obras de adaptación na vivenda.

O Goberno galego reafirma así o seu compromiso con todos os doentes de ELA e as súas familias, e continúa o seu traballo para intentar mellorar a súa calidade de vida e axilizar a súa atención. Con todo, a Xunta segue reclamando ao Goberno central que as axudas da Lei ELA sexan para todos os doentes e que poidan utilizarse para o servizo que precisen.

Data de actualización: 17/08/2026