Galicia chega aos 43.000 beneficiarios do Bono Coidado no Fogar e consolídase como un referente na atención á dependencia

Esta medida pioneira posta en marcha polo Executivo autonómico hai dous anos é única no conxunto do país

O Bono consiste nunha axuda de 5.000 euros ao ano para os dependentes que son coidados nos seus domicilios por un familiar ou calquera persoa da súa contorna

Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2026

Galicia vén de acadar os 43.000 beneficiarios do Bono Coidado no Fogar e consolídase como referente na atención á dependencia en España.

Esta medida pioneira, posta en marcha pola Xunta hai dous anos e única no conxunto do país, permite que as persoas dependentes poidan recibir coidados no seu fogar e forma parte do compromiso do Goberno galego coa atención á dependencia.

Neste sentido, o Executivo autonómico destinou este ano 179 millóns de euros para esta prestación, un 52% máis que en 2025. O Bono Coidado no Fogar consiste nunha axuda de 5.000 euros ao ano para os dependentes que son coidados nos seus domicilios por un familiar ou calquera outra persoa da súa contorna. Esta achega é para todas as persoas, con independencia do grao de dependencia que teñan recoñecido e da súa renda.

Agora mesmo, Galicia é unha das comunidades autónomas líderes na ratio de atención á dependencia, con máis de 97.000 persoas recibindo algún servizo ou prestación.

Ao respecto, a Xunta reclama un maior compromiso por parte do Goberno central e lembra que, pese o anuncio de que este vai comezar a achegar o 50% de financiamento que lle corresponde segundo o fixado na Lei de Dependencia, a realidade é que ano tras ano o Executivo central foi rebaixando a súa achega, ata situarse actualmente nun 32%.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/08/2026