A Xunta comparte co Goberno de Serbia a experiencia do Laboratorio de Consumo de Galicia na vixilancia do mercado e na realización de ensaios técnicos

O director xeral de Comercio e Consumo e a xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia recibiron hoxe no Laboratorio sito na Coruña unha delegación dos ministerios serbios de Saúde e Comercio, dentro dun proxecto de cooperación da UE

O obxectivo da visita que se prolongará deica mañá é compartir a experiencia técnica galega en materia de seguridade dos produtos de consumo a través dunha formación centrada nos xoguetes, de cara á futura aplicación por parte da Administración serbia

Esta colaboración liderada pola Fundación para a Internacionalización das Administracións Públicas consolida a Galicia como referente na vixilancia do mercado, na realización de ensaios técnicos e na protección das persoas consumidoras

A Coruña, 18 de agosto de 2026

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, Sol Vázquez, recibiron hoxe unha delegación do Goberno serbio co gallo de compartir a experiencia técnica galega en materia de seguridade dos produtos de consumo de cara á futura aplicación por parte do país balcánico. A visita ao Laboratorio de Consumo de Galicia —que se prolongará deica mañá— ten lugar no marco do proxecto de cooperación internacional EU4IM ‘Apoio da Unión Europea ao mercado interno de Serbia’, implementado pola Fundación para la Internacionalización de las Administraciones Públicas (FIAP/Cooperación Española) en colaboración coas axencias de cooperación italiana AICS (Agenzia Italiana per la Cooperazione allo Sviluppo) e eslovaca SAIDC (Slovak Agency for International Development Cooperation).

En concreto, a delegación —que tamén foi recibida pola directora do Laboratorio de Consumo de Galicia, Natalia Crespo— está integrada por catro persoas procedentes do Instituto de Saúde Pública de Serbia e outras tres do servizo de Inspección de Mercado. Acompañadas tamén por representantes da FIAP, recibirán unha formación práctica sobre ensaios de seguridade de xoguetes consolidando así a Galicia como referente na vixilancia do mercado, na realización de ensaios técnicos e na protección das persoas consumidoras, ao participar o Laboratorio como entidade colaboradora experta.

Alén e Vázquez aproveitaron a visita para salientar a importancia da cooperación técnica entre administracións públicas co obxectivo de mellorar a seguridade dos produtos no mercado e de reforzar a protección das persoas consumidoras. Nese senso, celebraron que a delegación serbia vaia poder coñecer de primeira man o funcionamento do Laboratorio de Consumo de Galicia, tanto a súa organización técnica, como os fluxos de traballo, a xestión de mostras, o uso de equipos de ensaio e a interpretación dos resultados para fins de vixilancia do mercado.

Os representantes autonómicos destacaron que o programa combina a formación práctica en ensaios mecánicos, físicos e de inflamabilidade de xoguetes con sesións de intercambio técnico coa vista posta na futura posta en marcha de instalacións similares en Serbia. Nesa liña, a visita abordará aspectos clave como a idoneidade da infraestrutura, os requisitos de seguridade, o control dos equipos, a trazabilidade das mostras, os procedementos de traballo, a cualificación do persoal e a xestión dos resultados.

Esta iniciativa dá continuidade á aceptación, o pasado mes de marzo, da proposta técnica elaborada polo Laboratorio de Consumo de Galicia no marco do proxecto EU4IM, financiado pola Unión Europea e liderado pola FIAP. Supón un paso importante no apoio a Serbia para o establecemento progresivo de capacidades públicas de ensaio de xoguetes, produtos eléctricos e seguridade de produtos de consumo.

Balance 1º semestre

Facendo balance do primeiro semestre deste ano, o Laboratorio de Consumo de Galicia remitiu case medio cento de alertas sobre produtos inseguros. Cabe engadir que se trata do único laboratorio público oficial nesta materia acreditado pola ENAC —entidade que avala a competencia técnica na certificación e inspección— e un referente estatal tanto no control como na comunicación de alertas no eido do consumo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/08/2026