A Xunta reforza a colaboración coa Confraría de Mugardos para impulsar a actividade marisqueira

A Consellería do Mar mobilizou máis de 138.000 euros en axudas para a entidade entre 2025 e 2026 destinados á xestión da pesca artesanal, á recuperación dos bancos marisqueiros e á mellora dos medios de traballo

O pósito participa nos proxectos científicos Zamfer e Bivaferrol, centrados no estudo da zamburiña e da capacidade produtiva dos bancos marisqueiros da ría de Ferrol

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2026

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, mantivo hoxe un encontro con representantes da Confraría de Pescadores de Mugardos na sede da Dirección Xeral para abordar a situación da actividade pesqueira e marisqueira local e analizar as necesidades do sector. A xuntanza enmárcase nos contactos continuos que a Consellería do Mar mantén coas entidades representativas dos profesionais do mar para avanzar na xestión sostible dos recursos e estudar novas vías de colaboración.

O traballo conxunto da Xunta coa confraría de Mugardos traduciuse, entre outros aspectos, na mobilización de máis de 138.000 euros en axudas entre 2025 e 2026 a través de distintas liñas destinadas á pesca costeira artesanal, á restauración dos recursos mariños e á mellora dos medios empregados polos profesionais do mar.

Neste período, a entidade contou con 72.120 euros na anualidade de 2025 e outros 36.327 euros en 2026 para proxectos colectivos de xestión sustentable da pesca costeira artesanal. Estes apoios permiten ás confrarías desenvolver actuacións fundamentais para a organización e xestión da actividade, contribuíndo á conservación dos recursos e á continuidade da actividade económica ligada ao mar.

A estas achegas súmanse 10.790 euros concedidos en 2025 para actuacións de conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños. Este apoio dá continuidade ao traballo desenvolvido nos últimos anos pola entidade, que desde 2023 recibiu máis de 82.500 euros para proxectos deste tipo. Entre as actuacións impulsadas figuran a rexeneración do hábitat na enseada do Baño e o reforzo dos bancos mediante sementeira de ameixa babosa, cunha superficie acumulada de rexeneración próxima aos 29.000 metros cadrados e preto de 1,5 millóns de exemplares empregados nas distintas actuacións.

Neste mesmo ámbito, a confraría contou cunha axuda de 19.178 euros para un proxecto de mellora da comercialización da ostra rizada e do mantemento dos bancos marisqueiros. A actuación inclúe a adquisición dun remolque multifunción adaptado ao tractor-oruga empregado polos profesionais, co obxectivo de facilitar o transporte de útiles e produto, reducir os tempos de traballo e incrementar a eficiencia das tarefas extractivas e de mantemento.

O proxecto busca tamén favorecer o aproveitamento da ostra rizada, unha especie foránea presente na zona, promovendo a súa extracción e valorización comercial ao tempo que se contribúe a reducir a súa presión sobre os recursos autóctonos. A mellora dos medios de traballo permite, ademais, reforzar as actuacións de conservación e recuperación dos bancos e mellorar as condicións nas que desenvolven a súa actividade os profesionais do marisqueo a pé.

Investigación na ría de Ferrol

A confraría de Mugardos participa tamén en proxectos científicos dirixidos a mellorar o coñecemento e a xestión dos recursos da ría de Ferrol, dentro da iniciativa Redemar. Entre eles atópase Zamfer, unha iniciativa que avalía o estado das poboacións de zamburiña e estuda medidas que permitan favorecer a súa conservación e recuperación, analizando aspectos como a reprodución, o recrutamento, a supervivencia e as características dos hábitats nos que se desenvolve a especie.

Así mesmo, o pósito forma parte de Bivaferrol, un proxecto centrado no estudo da calidade ambiental dos sedimentos e da súa relación coa capacidade produtiva dos bancos marisqueiros de bivalvos da ría. A iniciativa permitirá avanzar no coñecemento das variables ambientais que poden condicionar a produtividade destes recursos e reforzar a colaboración entre o sector marisqueiro e a comunidade científica para favorecer unha xestión cada vez máis sostible.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/08/2026