A directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático e o alcalde presentaron hoxe o proxecto que se executará nos próximos meses no parque da praza Maximino Canedo

A Xunta destina case 60.000 € á construción dunha fonte transitable na Laracha que actuará como refuxio climático en pleno centro urbano

A intervención, cuxo custo cubrirá nun 80% a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, permitirá habilitar un novo espazo público destinado a mitigar o efecto illa de calor mediante a instalación dunha fonte con chorros de auga emerxentes

Paula Uría explica que o obxectivo desta liña de axudas é promover actuacións a nivel municipal para previr ou facer fronte aos riscos derivados do quecemento global

Destaca que desde o ano pasado o seu departamento apoiou un total de 75 proxectos climáticos impulsados por concellos de toda Galicia, cun investimento de case 4 M€

A Laracha (A Coruña), 19 de agosto de 2026

A Xunta de Galicia financiará cunha achega de case 60.000 euros —concretamente, 59.986,14 euros— os traballos de construción dunha fonte seca ou transitable no Concello da Laracha, o que permitirá crear unha lámina de auga móbil en pleno centro urbano e converter a zona da intervención nun refuxio climático no que protexerse das altas temperaturas.

Acompañada polo rexedor municipal, José Manuel López, a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, participou esta mañá na presentación do proxecto, un dos beneficiarios este ano das axudas convocadas polo seu departamento co obxectivo de promover actuacións a nivel local para previr ou facer fronte aos riscos derivados do quecemento global mediante solucións baseadas na natureza.

En concreto, os traballos executaranse no parque da praza de Maximino Canedo, un espazo público moi popular entre a veciñanza de todas as idades. O eixo principal da intervención consistirá en construír unha fonte cun sistema de chorros de auga emerxentes desde o chan e iluminación integrada en substitución da actual, que será demolida e retirada. Ademais, tamén se levará a cabo a renovación de todo o pavimento.

Entre as principais vantaxes que ofrece a solución escollida fronte a unha fonte convencional —sobre todo nunha praza e parque arborado con uso peonil e presenza habitual de nenas e nenos— cómpre destacar a versatilidade espacial e a accesibilidade que garante cando a fonte non está activa, ademais do confort climático ligado ao efecto de microclima e do aforro e control dos consumos de auga, o que mellorará a eficiencia.

Como lembrou a directora xeral, este é o segundo ano que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático convoca axudas para financiar este tipo de actuacións a nivel municipal co fin de converter ás entidades locais, como administración máis próxima ao cidadán, en lugares máis verdes, resilientes ao quecemento global e cunha mellor calidade de vida.

Neste sentido, explicou que a achega autonómica pode chegar a cubrir ata o 80% do investimento —como no caso da Laracha—, cun límite de 60.000 euros por proxecto e un máximo de tres solicitudes por concello. No marco da convocatoria deste ano, outorgáronse 32 axudas para apoiar outros tantos proxectos en 31 municipios galegos.

En canto aos tipos de accións subvencionables, son, con carácter xeral, intervencións en espazos públicos orientadas ben a reforzar a biodiversidade e as zonas verdes de áreas urbanas e periurbanas ou ben a crear refuxios para atenuar o efecto illa de calor que fai que en zonas das cidades a temperatura sexa máis alta que nas rurais debido a factores relacionados coas propias infraestruturas e a actividade humana e industrial.

Nesta liña, Paula Uría lembrou que desde o ano pasado e no marco do programa Galicia, refuxio climático, a Consellería leva investidos xa, en total, preto de 4 millóns de euros en actuacións para impulsar 75 proxectos climáticos en concellos de toda a Comunidade, incluído o futuro refuxio climático urbano de Ourense, unha iniciativa piloto financiada ao 100% pola Xunta e cuxas obras comezaron precisamente onte.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/08/2026