O delegado da Xunta en Ourense visitou en Quintela de Leirado un destes recursos, posto en marcha grazas a convocatoria destas achegas do ano 2025
Manuel Pardo lembra que a Xunta ten aberto a orde de axudas para ampliar a Rede de Casas do Maior nos concellos rurais
O delegado destacou que na orde anterior a Consellería de Política Social e Igualdade destinou máis de 306.000 euros para a creación de seis casas do maior co obxectivo de reforzar a rede de proximidade e dotar de servizos ás zonas rurais na provincia de Ourense
Durante a visita, Manuel Pardo explicou que a nova orde, dotada con máis de medio millón de euros e aberta para as persoas interesadas ata o vindeiro 28 de agosto, permitirá a creación de dez 10 novas casas do maior en Galicia, co fin de ampliar a rede destes recursos ata os 158 recursos o próximo ano
O representante autonómico destacou que o Goberno galego impulsou estes recursos pioneiros, coa finalidade de ofrecer unha atención totalmente gratuíta aos maiores que viven nos concellos máis pequenos
Ourense, 19 de agosto de 2026
O delegado da Xunta, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao concello de Quintela de Leirado para, acompañado do seu alcalde, José Antonio Pérez, visitar unha das seis casas do maior posta en marcha, ao abeiro da orde de axudas do ano 2025 para a creación destes recursos, na que a Consellería de Política Social e Igualdade destinou máis de 306.000 euros, co obxectivo de reforzar a rede de proximidade e dotar de servizos ás zonas rurais na provincia de Ourense. Ademais desta casa do maior, foron dúas de San Amaro, unha nos concellos da Mezquita, Maside e Petín.
Durante a visita, Manuel Pardo lembrou que a Xunta ten aberto ata o vindeiro 28 de agosto unha nova convocatoria de axudas creación de dez 10 novas casas do maior en Galicia. A nova orde, dotada cun orzamento de máis de medio millón de euros, ten como obxectivo ampliar a rede destes recursos ata os 158 recursos o próximo ano, e así chegar ata as 800 prazas totalmente de balde de atención diúrna na nosa comunidade.
Nesta liña, o representante do Goberno galego concretou que as casas do maior contan cun máximo de cinco prazas cada unha e son recursos esenciais non só para o coidado dos maiores, senón tamén para afrontar o reto demográfico, xa que a súa creación dota o rural de recursos de atención que favorecen a conciliación das familias, ao tempo que xeran postos de traballo.
Tamén sinalou que esta convocatoria mantén, ao igual que as anteriores, o complemento semanal adicional para aqueles casos nos que as persoas promotoras estean de baixa laboral. Así como o abono de 10 euros por persoa e día a aquelas casas do maior que asuman o desprazamento dos usuarios.
Para rematar, o delegado destacou que o Goberno galego impulsou estes recursos pioneiros, coa finalidade de ofrecer unha atención totalmente gratuíta aos maiores que viven nos concellos máis pequenos, potenciando así os coidados de proximidade na contorna e para ofrecer alternativas de asentamento de poboación no rural.
Casas do maior na provincia de Ourense
A rede de casas do maior na provincia ourensá consta actualmente con 52 recursos distribuídos nos concellos da Veiga, Cenlle, Castrelo de Miño (2), Xunqueira de Espadanedo, Xunqueira de Ambía, Os Blancos, Boborás (2), Verea, Porqueira, San Amaro (4), Quintela de Leirado (2), Rairiz de Veiga, A Arnoia (2), Cortegada (2), A Peroxa, Monterrei, Larouco, Piñor (2), Castrelo do Val (2), O Bolo, Lobios, San Xoán de Río (2), Punxín, Vilariño de Conso, Baltar (2), A Teixeira, Maside (3), Parada de Sil, O Riós, Laza (2), A Mezquita (2), Amoeiro, Viana do Bolo, Melón, Entrimo, e Petín.